Paso atrás totalmente insuficiente que continúa a amosar unha irresponsabilidade e desprezo absoluto co profesorado e alumnado de 2º de Bacharelato que se ten que enfrontar este ano ás ditas probas, descoñecendo absolutamente todo o relacionado con estas.
Ante o anuncio no Parlamento do presidente
en funcións, o Sr. Rajoy, a respecto de que as reválidas de ESO e
bacharelato non serán necesarias para adquirir o título e terán
unicamente valor para acceder á Universidade, até que se conclúa o pacto
pola educación, a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público quere
manifestar o seguinte:
- Este paso atrás é, sen dúbida, resultado das múltiples e exitosas mobilizacións que levamos a cabo contra a LOMCE e as reválidas. A sociedade galega amosou en repetidas e numerosas ocasión o seu total rexeitamento baleirando as aulas e participando nas folgas, non enviando o alumnado a realizar as reválidas de primaria e participando en diferentes accións. Unha mostra da oposición ao desatino e calvario ao que se pretende someter o alumnado foi a folga total de onte, 26 de outubro, no ensino galego.
- Para a PGDEP é totalmente insuficiente a última posición do Partido Popular, xa que o alumnado de bacharelato terá que sufrir unha proba para acceder á Universidade este curso, da que non coñece o seu contido, deseño e características. Unha irresponsabilidade e desprezo absoluto co profesorado e co alumnado.
- Non serven as medias tintas. A única saída é a derrogación da LOMCE e a supresión das reválidas. Iso é o que exixe a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público e con ese obxecto continuará a mobilizarse até a súa consecución.
Ningún comentario:
Publicar un comentario