Os datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) do terceiro trimestre, publicados este xoves,
amosaron un importante descenso do número total de persoas desempregadas en Galicia.
Porén, eses mesmos datos volveron poñer ao descuberto que hai unha
serie de sectores e grupos sociais que seguen a sufrir unha realidade
laboral moi negativa e que -aínda que con algunha mellora- atópanse
aínda nun escenario próximo ao dos peores tempos da crise económica.
O número total de mozos e mozas de 16 a 29 anos con traballo en Galicia pasou dos 212 mil aos 127 mil dende o ano 2009
Un deles, sen dúbida, é o da mocidade. As taxas de paro entre os
menores de 20 anos (57%) e entre os que teñen de 20 a 25 (35%) seguen
sendo moi elevadas. Pero máis preocupantes son outros datos.
O número total de mozos e mozas de 16 a 29 anos con traballo en Galicia pasou dos 212 mil aos 127 mil dende o ano 2009.
A porcentaxe dos parados e paradas permanece estable (creceu do 14% ao
15%, aínda que chegou a estar no 21%). O número total de mozos e mozas
residentes en Galicia descendeu en máis de 100 mil (de 429 a 327 mil), e
entre os que ficaron a proporción de inactivos e inactivas pasou do 36%
ao 46%.
É preocupante que o número de parados e paradas de longa duración de
máis de 45 anos se reduce de forma moito máis lenta. Son 50 mil, moi
preto dos 58 mil acadados en 2014
Outro dos grandes puntos negros é a situación dos parados e paradas de
longa duración. Máis de 110 mil persoas en Galicia levan máis de doce
meses buscando traballo sen conseguilo. É certo que a cifra reduciuse
dende os máximos acadados (154 mil, primeiro trimestre do 2014), pero o
número segue sendo moi elevado, representando case a metade dos
desempregados e desempregadas totais, e manténdose moi por riba dos
rexistros de 2009 (44 mil).
Ademais, é preocupante que o número
de parados e paradas de longa duración de máis de 45 anos se reduce de
forma moito máis lenta. Son 50 mil, moi preto dos 58 mil que había en
2014. Semella que a situación si mellorou para os grupos de idade máis novos, pero non para eles e elas.
Ao redor de 140 mil traballadores e traballadoras están ocupados e
ocupadas só a tempo parcial (o 13% do total). A inmensa maioría son
mulleres (105 mil, fronte a 33 mil homes)
De igual xeito, a EPA continúa amosando que o escenario laboral está
marcado por unha maior inestabilidade, temporalidade e precariedade no
emprego, un emprego de menor calidade.
Os datos da EPA
publicados este xoves rexistran tres mil traballadores e traballadoras
con contratos dun día de duración (o dobre que no 2009) e case sete mil
con contratos dun mes ou menos, unha cifra en descenso nos dous
últimos ano, pero aínda por riba dos niveis previos ao comezo da crise.
De igual xeito, ao redor de 140 mil traballadores e traballadoras están
ocupados e ocupadas só a tempo parcial (o 13% do total).
A inmensa maioría son mulleres (105 mil, fronte a 33 mil homes).
Ningún comentario:
Publicar un comentario