xoves, 27 de outubro de 2016

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público (PGDEP) valora como un rotundo éxito a xornada de loita contra as reválidas

A PGDEP realizou concentracións en Pontevedra, Compostela, Vigo, A Coruña, Lugo, Ferrol, Ourense, Carballo, Cee e Vilagarcía.
A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público (PGDEP) valora como un rotundo éxito o seguimento desta xornada de loita contra as reválidas e a LOMCE. Durante a tarde a PGDEP realizou concentracións en Pontevedra, Compostela, Vigo, A Coruña, Lugo, Ferrol, Ourense, Carballo, Cee e Vilagarcía.
  GALERÍA DE IMAXES I 
 GALERÍA DE IMAXES II

O portavoz da PGDEP, Anxo Louzao, considerou que “tanto o Ministerio como a Consellaría de Educación deben cesar na súa obstinación por aplicar esta lei e as reválidas” porque tal e como se constatou nesta xornada de loita “van contra a vontade unánime da sociedade en xeral e da comunidade educativa en particular”.
Louzao sinalou ademais que para a PGDEP as reválidas supoñen “un ataque directo ao dereito á educación e á igualdade de oportunidades” e denunciou que van provocar unha estratificación dos centros, a segregación do alumnado e mesmo a expulsión do sistema educativo daquel alumnado que precise máis apoio ou reforzo ou que pertenza ás clases sociais máis desfavorecidas.
A isto engadiu que supoñen tamén un ataque á avaliación continua e ao traballo do profesorado e opostas a unha concepción da educación como formación integral das persoas. “As reválidas pretenden orientar o sistema educativo cara a unha visión neoliberal e competitiva do mesmo”, asegurou, e “teñen como obxectivo negar, mediante o seu contido, que en Galiza contemos cun sistema educativo que teña en conta a nosa realidade social, cultural, histórica e lingüística”.
Acto “tiránico”
O portavoz da PGDEP cualificou, ademais, de “acto tiránico” contra o alumnado a imposición destas probas nas que “se xoga todo o seu futuro académico e profesional a unha carta”, mais tamén contra o profesorado, que ve desprezado o seu labor docente, ao afastarse a avaliación do alumnado do seu contexto social e familiar.
Para Anxo Louzao as mobilizacións de hoxe contra as reválidas e a LOMCE “teñen que ser un punto e final desta lei tan lesiva para un sistema educativo galego, público e de calidade”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario