Marta Gómez Ocampo, especialista en política lingüística, adiántanos nesta entrevista parte da súa tese doutoral, analiza a actual situación da lingua galega no ensino e dános a súa visión sobre as distintas normativas do Goberno do bipartito e do actual Executivo do PPdeG, e sobre o papel de colectivos como Galicia Bilingüe, dos medios de comunicación, dos centros educativos e dos propios pais e nais do alumnado galego.
Grao en Ciencias Políticas e da Administración (USC) e Máster Oficial en Xuventude e Sociedade (USC), Gómez Ocampo ten experiencia profesional como docente de apoio na Asociación Mariña-COGAMI; docente externa no Máster Oficial en Xuventude e Sociedade na USC e coordinadora do Seminario 'Técnicas Cualitativas de Investigación Social', dentro do mesmo máster; persoal investigador na Universidade de Barcelona, no proxecto do Plan Nacional de I+D+i 'El Sistema de la Política cultural en España', ou no departamento de prensa da Fundación Araguaney, entre outros postos. Tamén ten publicado o artigo de investigación 'La política cultural en la Comunidad Autónoma Gallega: de la dependencia a la autonomía', con Antonio Losada Trabada (USC) e Xesús Lage (Universidade de Vigo), no monográfico La política cultural en España: los sistemas Autonómicos, en RIPS (Revista de Investigacións Políticas e Sociolóxicas), volume 11, nº 3, 2012.
Con ela falamos sobre a política lingüística en Galicia aplicada ao ensino, campo no que está a facer novas aportacións co seu traballo de investigación.
"O tratamento da política lingüística dende o punto de vista da Ciencia Política é algo pendente en Galicia".En que fase está a súa tese, cales son as súas principais liñas de investigación e que novidades presenta neste eido de investigación?
Unha parte moi importante da tese xa está rematada: o traballo de campo co tratamento da lingua na prensa dende 2002 ata 2013, as entrevistas con actores das diferentes forzas políticas, membros e ex membros dos distintos gobernos, asociacións e plataformas, a revisión de toda a normativa referente ao tema da lingua no ensino... Hai varios capítulos rematados, pero queda algún por acabar de redactar e retocar. E falta o título definitivo por poñer, que todavía non está decidido.
A tese, de xeito resumido, céntrase na aplicación nun modelo de análise de políticas públicas a un caso práctico, neste caso a política lingüística no eido do ensino na nosa comunidade. O que se pretende é comprender e explicar como xorden as políticas públicas e resaltar a importancia que os diferentes actores implicados teñen á hora de influír nas decisións públicas.
Hai carencias no estudo científico da lingua galega dende a perspectiva das Ciencias Políticas?
Sen dúbida, o tratamento da política lingüística dende o punto de vista da Ciencia Política ou da Análise de Políticas Públicas é algo pendente aquí en Galicia. Esa foi unha das razóns polas que escollín a política lingüística como caso práctico para aplicar o modelo de análise. O que para min foi e é unha investigación de referencia é o estudo de Henrique Monteagudo e Xan Bouzada: O proceso de normalización do idioma galego, cuxa análise remata no ano 2000. E dende entón, como xa sabemos todos, houbo importantes cambios no escenario da política lingüística e nos seus contidos que requiren unha análise pormenorizada.
"O uso perverso da lingua como elemento de confrontación política levounos a unha situación de tensión política que vai tardar moito tempo en desaparecer".Por que algo tan natural como é o uso da lingua propia dun país no seu sistema educativo se converteu nun problema político e nun conflito social?
A convivencia de dúas linguas nun país ou unha nación sempre, ou case sempre, leva consigo tensións: onde hai dúas ou máis linguas oficiais as regulacións en materia de política linguística non pasan desapercibidas porque a lingua é un elemento de identificación cultural moi potente. Pero teño que facer dúas observacións respecto desta pregunta.
A primeira, é que non podemos falar dun conflito social con respecto á lingua, senón da xeración da percepción de que existe un conflito entre as "comunidades" que falan unha lingua e outra. O que si que existe son diferentes visións sobre que estatus ou que papel deben ocupar cada unha delas no sistema educativo.
A segunda observación é que efectivamente o que ocorre a partir do decreto aprobado polo goberno bipartito é froito dun problema político no que se viñan a enfrontar, basicamente, dúas visións sobre cal era a política lingüística a aplicar: unha política coma a que coñecíamos ata o ano 2007, onde sobre o papel si se establecían unha serie de medidas, máis ou menos laxas, onde se deixaba unha granmarxe de actuación aos centros, co conseguinte incumprimento da normativa ou unha política que, de xeito acertado ou non, buscaba unha normativa que fose seguida e avaliada polos poderes públicos. En resumidas contas, o enfrontamento entre unha política laxa ou simbólica e unha política regulativa. A gravidade desta cuestión está no uso perverso da lingua como elemento de confrontación política que, xa fose con intención de obter réditos electorais ou non, levounos a unha situación de tensión política que vai tardar moito tempo en desaparecer, co conseguinte bloqueo en materia de normalización. Dese enfrontamento quedounos un rexurdimento de prezuízos sobre o galego que xa parecían esquecidos e que tardaremos anos en eliminar.
Hai diferentes actores implicados no uso da lingua no ensino e nese problema xerado: por un lado, a Administración pública; por outro, os partidos políticos e distintas organizacións sociais a prol ou en contra de determinadas políticas lingüísticas; por outro, os centros educativos e o profesorado; e por último, os pais e nais e os propios alumnos. Que papel está a desenvolver cada un e que papel lles debería corresponder?
Tal e como sinalas, os actores implicados na cuestión da lingua no ensino son moitos e as súas perspectivas e obxectivos, como en todas as políticas públicas, son diferentes.
Os grupos contrarios á normalización naceron xa a mediados dos oitenta, baixo outros nomes como AGLI ou Coruña Liberal e falaban nos mesmos termos que Galicia Bilingüe, pero tiñan un peso marxinal. O que ocorreu con este tipo de actores contrarios á normalización non foi que cambiasen a súas opinións ou demandas, o que cambiou foi a súa posición no escenario e a súa influencia na política pública durante o período 2007-2009. Ata o ano 2007 todas as normativas en materia de política lingüística no ensino foran aprobadas por unanimidade das forzas políticas, polo que apenas tiñan posibilidade de introducir a súa definición do problema na axenda política. Cando o decreto do bipartito é aprobado sen o apoio do PP ven a súa oportunidade de gañar terreo e de ocupar unha mellor posición da que viñan ocupando. Ó non haber consenso entre os partidos políticos, unha forte oposición por parte de grupos coma Galicia Bilingüe víñalle ben ao PP e o apoio de membros do PP, fundamentalmente de Vigo e de A Coruña, serviron para que as súas demandas tivesen o eco que non tiveran as décadas anteriores.
Cando o PPdG gaña as eleccións autonómicas os mantras da imposición do galego de Galicia Bilingüe (que eles mesmos corearon) acaban sendo máis un lastre que un apoio O decreto do plurilingüísmo polo que optan non conta co beneplácito dos grupos contrarios á normalización, pero ao non haber ningún partido político que recolla as súas demandas, o seu peso volve a reducirse ata acadar o papel marxinal que tiñan nos anos anteriores.
O BNG e o PSOE manteñen o seu papel de oposición á política lingüística do PPdG coma o facían durante as lexislaturas de Manuel Fraga. Mentres estiveron no goberno, penso que non souberon explicar nin defender o decreto que eles aprobaran, aínda que tamén é certo que a base sobre a que se elabora o decreto é o PXNL que se aprobou na última lexislatura de Fraga e que non era coñecido pola gran maioría da sociedade. Foi unha lexislatura complicada, cunha oposición política moi potente e cuns conflitos entre os socios de goberno demasiado fortes para manterse unidos na defensa da política lingüística que promovían, así coma noutras políticas.
Con respecto aos centros educativos e ao profesorado, pola investigación e as entrevistas realizadas obsérvase que, en xeral, perciben importantes cambios. As normativas anteriores ao decreto de 2007 eran demasiado permisivas e favorecían que o incumprimento das cotas mínimas para o galego fose unha tónica habitual, especialmente nos centros privados. No referente ao profesorado comprometido coa lingua, consideraban que non recibían nin a formación nin o apoio necesario por parte da administración e boa parte das campañas e do traballo realizado a prol do galego proviña dos docentes ou dos Equipos de Normalización da lingua. Para estes docentes e equipos a aprobación do decreto do bipartito foi algo positivo, pois contaban con máis recursos e observaban unha maior implicación por parte da Administración no relativo á formación dos docentes en cuestión relacionadas coa lingua ou no seguemento do cumprimento do proxecto lingüístico do centro, por poñer algún exemplo. Despois da aprobación do decreto do plurilingüismo volven a unha situación na que manexan escasos recursos e na que sinten que non contan co apoio da administración á hora de progresar no proceso de normalización.
"Non vin que grandes medios como La Voz ou Faro de Vigo fixesen algo pola normalización, máis ben ó contrario; pero levaron as subvencións en materia de política lingüística".E os medios de comunicación? Como ve o seu papel, por un lado no uso da lingua galega e, por outro, como difusores do problema lingüístico?
O seu papel no uso da lingua simplemente non o vexo. Non vemos habitualmente nos grandes xornais coma La Voz de Galicia ou Faro de Vigo novas en galego, pero as subvencións en materia de política lingüística si as levaron no seu día (e posiblemente as seguirán levando). Ata o día de hoxe non vin que estes grandes medios fixesen algo pola normalización, máis ben ó contrario. A prensa que usaba o galego coma lingua habitual, coma Galiza Hoxe, por poñer só un exemplo, foi afogada ata que desapareceu, máis que por usar o galego, por seren voces críticas a políticas que se estaban levando a cabo, neste caso, durante a lexislatura de Nuñez Feijoo. A prensa crítica que queda, coma Galicia Confidencial ou Praza Pública, sobrevive como pode sen a axuda que reciben os dous principais medios de comunicación galegos.
Sen embargo, o papel destes grandes medios si foi importante. Non difundiron o conflito lingüístico, que coma xa dixen, non existiu coma tal, senón que axudaron a crear esa percepción ao fomentar e crear novas con respecto á cuestión da lingua que non serviron de axuda para acadar unha conciliación ou un punto de acordo, senón todo o contrario. Ao fin e ao cabo, todos os medios de comunicación seguen unha liña editorial afín a unha ideoloxía e son un importante instrumento de propaganda e de xeración de percepcións.
O decreto do plurilingüismo, máis que achegar posturas, semella que abriu máis a fenda social e política arredor da lingua galega. Que tivo de bo e de malo?
Efectivamente, o decreto do plurilingüísmo polarizou a opinión pública e tivo unha contestación social moi importante e unha oposición por parte de docentes, sindicatos ou entidades coma a Real Academia Galega moi forte. Falar do que ten de bo ou ten de malo o decreto do plurilingüísmo sería entrar nunha cuestión demasiado complexa no que entrarían xa valoracións ou preferencias persoais.
As comparacións entre a política lingüística do goberno bipartito e a do actual goberno do PP son recorrentes. Que comparación fai vostede entre unha e outra?
As diferenzas entre un decreto e outro son moitas. Téndese a comparar a porcentaxe destinada para a lingua galega nun decreto e noutro, o mínimo do 50% en galego no decreto aprobado polo goberno bipartito e o 33% do goberno do PPdG. Pese a que é un dato importante, as diferenzas entre unha normativa e outra están na intencionalidade da política. Explicado brevemente, o decreto que aprobou o bipartito, cuxo contido pode ser máis ou menos acertado, estaba máis enfocado á avaliación e ao seguimento, a garantir sen excepción o seu cumprimento nos centros educativos, mentres que o decreto do plurilingüísmo, na mesma liña que as normativas anteriores dos gobernos de Fraga, deixa unha maior marxe de actuación para os centros, é un decreto máis laxo en canto ó seu cumprimento e avaliación, o que permitirá que moitos centros educativos continúen ignorando as normativas en materia de normalización. Simplificando a filosofía do bipartito é "hai lentellas pra comer" e a do goberno de Feijoo, "hai lentellas, se queres cómelas e se non déixalas".
"Hai concellos que teñen modelos de normalización que están a funcionar e que son un referente a nivel europeo, como o Modelo Burela".Que propostas se poden facer para a concordia arredor da lingua no ensino?
Acadar a concordia arredor da lingua no ensino, polo menos no ámbito político, é algo que vexo moi lonxe. A crispación política á que se chegou foi tal que dubido que exista a posiblidade a curto prazo de vover a acadar un consenso semellante ao que houbo co PXNL. Mentres se empregue a lingua ou a defensa da lingua coma arma política, sexa pola forza política que sexa, a posibilidade de chegar a un gran consenso é remota.
A un nivel máis baixo, a posibilidade de chegar a un acordo parece máis factible. Hai concellos galegos que teñen modelos de normalización que están a funcionar e que, pese a que aquí pasan case desapercibidos, son un referente a nivel europeo, como o Modelo Burela.
Por que se segue considerando o galego unha lingua inferior ao castelán e máis propia do rural que do mundo urbano?
Efectivamente, os datos do IGE dinnos que o galego é máis usado nas zonas rurais ou vilas pequenas, mentres que o castelán ten máis falantes nas grandes vilas e nas cidades. A cuestión de considerarse unha lingua inferior é unha cuestión histórica cuxo eco persiste nos nosos días.
Nun mundo globalizado, dixitalizado e conectado en rede, as linguas dominantes semellan impoñerse aínda con máis forza. Que papel lle toca ao galego nesta nova realidade e que políticas habería que fomentar?
Nun mundo globalizado o galego ten, se cabe, máis retos por afrontar. Existen ferramentas coma Galegram ou Meteosix, por poñer un exemplo, que empregan o galego. Temos unha canteira impresionante de talentos coma IDI Creative, unha empresa galega que crea apps para Apple. Non falta materia prima. Unhas políticas que fomenten a creación de aplicacións en galego ou ferramentas dixitais poden ser un bo paso, ou simplemente que as axudas á normalización sexan destinadas a empresas e medios de comunicación que realmente empreguen o galego coma lingua habitual
Que futuro lle augura ao galego?
Non quero ser catastrofista, pero os datos do IGE non son esperanzadores. Sen embargo, temos moita xente comprometida, moitos docentes, pais e nais que están a facer moito polo galego. Eles son os que fan a verdadeira política lingüística.
Ningún comentario:
Publicar un comentario