mércores, 26 de outubro de 2016

O paro xuvenil na Galiza continúa a duplicar a media europea malia os anuncios de 'recuperación'

Un 44% dos menores de 25 anos están no desemprego no noso país, percentaxe que na UE cae ao 20 por cento. 

A EPA do segundo trimestre de 2016 rexistraba que o paro xuvenil en Galiza se mantén en niveis extremamente altos, cun 43,7% de desemprego entre as e os galegos menores de 25 anos. Se ben xa non estamos perante as alarmantes cifras que se rexistaron en 2013, cando o paro nese tramo de idade acadara o 51,6%, non hai motivos para a celebración: desde aquela até hoxe foron miles os mozos que tiveron que coller a vía da emigración e non figuran xa nas listaxes de desemprego no noso país.
O soldo medio dunha persoa moza en Galiza é un 9,4% inferior á media da xuventude española
Aínda así estamos perante perto dun 44 por cento de paro, porcentaxe moi superior á que se rexistaba mesmo nos primeiros anos da gran recesión. En 2010 esa taxa de paro entre os menos de 25 anos estaba no 34,7%, nove pontos menos que na actualidade; e no 2011 situábase no 2011.
Mais cando se comproba a fenda existente é se a comparamos con Europa. O noso 43,7% de desemprego xuvenil doe nos ollos de o compararmos co 20,4% que é a media na Unión Europea. Duplicamos ese valor.
Empobrecemento
O soldo medio dunha persoa moza en Galiza é un 9,4% inferior á media da xuventude española. E un 17,9% inferiores á media anual das outras franxas de traballadores de Galiza. Aliás, os mozos galegos sofren taxas de temporalidade alarmantes, do 46,84 por cento, fronte ao 25,8 por cento que se rexista no conxunto de idades.

Ningún comentario:

Publicar un comentario