Campaña da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público en contra das Reválidas e da LOMCE
Nesta nova podedes ver e ASINAR o
manifesto "NON ÁS REVÁLIDAS" así como o resto de documentación da
Campaña da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público contra as
Reválidas e a LOMCE. Tamén atoparedes un CIG Informa da CIG Ensino sobre
a campaña #NinReválidasNinLOMCE
PLATAFORMA GALEGA EN DEFENSA DO ENSINO PÚBLICO
- O estabelecemento da proba xeral en 3º e 6º de Primaria e as
reválidas en 4º da ESO e en bacharelato, que son requisito
imprescindíbel para conseguir os títulos correspondentes, pretenden pór
as maiores trabas posíbeis para a continuación dos estudos. Responden,
exclusivamente, a unha concepción totalmente clasista e elitista da
educación e contribúen a excluír o alumnado máis desfavorecido
socialmente do dereito á educación, cando xa hoxe o ensino público
carece de elementos compensatorios para facer efectivo e real o
principio de igualdade de oportunidades.
- É unha tiranía exixirlle ao alumnado que se xogue o seu futuro
académico co resultado dunha reválida. É unha aberración, desde o punto
de vista pedagóxico, sometelo a unha presión innecesaria, mediante
probas que o vai avaliar baixo estándares uniformizadores, sen
considerar a educación como un proceso no que hai que considerar as
circunstancias persoais e socioeconómicas e as capacidades e actitudes
do alumnado.
- Só avalían certas áreas de coñecemento, menosprezando a adquisición
doutras competencias, destrezas e habilidades do campo artístico e
musical e refusando o ensino da nosa historia e medio natural,
imprescindíbel para a formación integral do alumnado.
- Recentralizan o sistema educativo, dado que a elaboración e deseño
das probas, os criterios de avaliación e os estándares de aprendizaxe
avaliábeis serán fixados polo Ministerio de Educación, rexeitando así o
estudo e coñecemento de todo o que nos conforma como pobo galego.
- Desprezan a avaliación continua e a opinión do equipo docente, cando
ninguén mellor que o titor ou titora ou o equipo docente para coñecer
as carencias, potencialidades, habilidades e capacidades do alumnado,
así como dos medios, recursos e apoios necesarios para mellorar a
aprendizaxe e o rendemento escolar.
- Subestiman e desconfían do traballo do profesorado que estará
totalmente sometido e condicionado a orientar o seu traballo docente a
preparar o alumnado para a obtención da mellor nota posíbel na
avaliación final, marxinando outros aspectos educativos fundamentais
para acadar unha formación o máis completa posíbel.
- Responden á pretensión de conformar rankings de centros, segundo os
resultados destas avaliacións e sen ter en conta as características do
alumnado e os servizos cos que conta o centro, co obxecto de ir
configurando unha rede elitista que contará con máis medios e recursos
- Pretenden ir afirmando un sistema educativo competitivo, clasista e
segregador que excluirá os sectores máis desfavorecidos da educación e
asentará unha estrutura curricular ao servizo do neoliberalismo.
- Continúan cunha desconsideración absoluta co alumnado con necesidade
específica de apoio educativo, co profesorado que os atende e coas súas
familias deixando á improvisación todo o relacionado coa organización
das probas para este colectivo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario