Cobran menos que o conxunto dos mozos do Estado e da UE e tardaron, de media, nove meses en atopar taballo. A Xunta impulsará en 2017 un mapa de empregabilidade do Sistema Universitario galego
Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/10/2016 | Actualizada ás 15:41
Dos titulados preguntados no momento de realizar a enquisa, a gran maioría traballaba en Galicia (algo máis do 82%), o 14,64 facíao noutro punto de España e o 3,29 por cento trasladárase a outro país.
Así mesmo, os egresados que traballaban en Galicia percibían os salarios máis baixos en comparación con outros territorios de España ou da UE, aínda que o soldo medio se situou nos 1.037 euros e máis da metade declaraba cobrar menos de 1.000 euros.
O 77,33 por cento dos enquisados lograra acceder á titulación elixida como primeira opción e máis da metade puido gozar dunha bolsa de estudios. Por outro lado, case o 20 por cento participou en programas de mobilidade a outros territorios e máis do 91 por cento falaba algún idioma a maiores de castelán ou galego.
Nesta liña, case o 90 por cento dos enquisados afirmaba que volvería cursar estudios universitarios, dos que case o 80 por cento repetiría na mesma titulación.
MÁIS TEMPO PARA ATOPAR TRABALLO
Os datos deste estudio evidencian un continuo incremento no tempo medio necesario para atopar traballo dos titulados en distintas promocións, dende os 4,79 meses no caso dos titulados do curso 06/07 ata os 9,79 da promoción 2011/2012.
Esta tendencia se ve acompañada, en paralelo, do aumento progresivo da porcentaxe de empregabilidade dos titulados dende o ano 09/10 á actualidade tanto en homes coma en mulleres, pasando do 60,70 e do 57,42 ata o 68,94% e o 66,71%, respectivamente.
Estas cifras despréndense do 'Estudio de inserción laboral dos titulados do Sistema Universitario de Galicia 2011-2012', co que a ACSUG busca ofrecer datos obxectivos que sexan útiles tanto para ofrecer un diagnóstico da oferta académica coma para facilitar a "toma de decisións" ás propias institucións académicas para a mellora de títulos, segundo destacou a presidenta desta entidade, Patrocinio Morrondo.
O informe elaborouse a partir de 4.687 enquisas realizadas a titulados universitarios no citado curso dous anos despois de concluír os seus estudios, o que permitiu á ACSUG definir un perfil dos egresados e do seu éxito no acceso ao mercado laboral.
Tras concluír os seus estudios, un 81 por cento dedicouse a buscar un traballo relacionado coa súa titulación, dos que algo máis dun 56 por cento tivo éxito.
O tempo medio para atopar o seu primeiro traballo (relacionado ou non cos seus estudios) ascendeu 9,79 meses, aínda que o 38,83 por cento afirmaba logralo nun máximo de seis. As principais vías para iso foron os contactos persoais ou familiares (19,14%), a candidatura espontánea (17,23%) ou Internet (14,61).
Dous anos despois de finalizar os seus estudios, o 67,53 dos egresados enquisados atopaba traballando, o 23,38 estudando e o 19,59 preparaba oposicións.
A maior porcentaxe de traballadores atopábase na rama de Ciencias da Saúde (unha empregabilidade do 83%) e en Enxeñaría e Arquitectura (máis do 72%), cunha "maior proporción de varóns na maioría de categorías".
MAPA DE EMPREGABILIDADE
Con estas cifras sobre a mesa, o secretario xeral de Universidades, Xosé Alberto Díez de Castro, valorou a importancia de contar con estas cifras "de validez estatística absoluta" tanto para analizar as tendencias como a empregabilidade en relación coa formación da poboación activa.
Neste sentido, destacou que os datos mostran que un maior nivel académico favorece a empregabilidade da sociedade, rozando practicamente o pleno emprego no caso de dispoñer de estudios de doutorado.
Así mesmo, recoñeceu que o estudio reflicte que "o salario "non se recuperou" e que existen "bastantes oscilacións" e diferenzas nos datos de emprego das diferentes ramas de coñecemento.
Deste modo, avanzou que en 2017 se dará "un paso máis adiante" na liña destes informes e que se impulsará "un mapa de empregabilidade do Sistema Universitario de Galicia", no que se incorporarán todo tipo de datos e cifras por titulacións co fin de dar información á sociedade e á vez proporcionar información aos centros para que poidan organizar cambios que permitan dar resposta á demanda social.
Díez de Castro aclarou, nesta liña, que os estudios deste tipo teñen a finalidade de dar "datos básicos" para as familias e información ás institucións académicas co fin de que poidan "corrixir e mellorar" a oferta, e non "para castigar".
Ningún comentario:
Publicar un comentario