martes, 25 de outubro de 2016

LGx15: unha lingua que conquista o padal de músicos estadounidenses, zoqueiras ou blogueiras

Oito charlas breves a cargo doutras tantas persoas transmitirán de maneira visual, entretida e divertida ideas, argumentos e consellos para influír positivamente sobre o futuro do galego na segunda edición do Lgx15, que organiza a CTNL.

O futuro do galego é negro se o pintas de negro. Agora, se queres empregar máis cores e darlles vida o futuro para o galego será das cores do arco da vella. E esa é a cor da que gosta a Coordenadora de Traballadores de Normalización da Lingua (CTNL), por iso entrega unha pincel diferente a varias persoas para que as combinen e debuxen un idioma de futuro. Iso é o LGx15, que este ano chega á súa segunda edición. Vai ter lugar na sala Capitol (Compostela) o vindeiro 24 de novembro.
Van ser oito charlas breves, dun máximo de 15 minutos, e en que as persoas convidadas falarán de lingua, pero tamén de tecnoloxía, de música, de artesanía, de gastronomía, de autoaxuda, de underground.Aí estarán  Alberte Lamazares (labrego, que tratará un dos principais usos da lingua: falar), Belén Regueira (comunicadora, convertida ese día en conselleira para neofalantes), Elena Ferro (zoqueira, quen falará sobre a necesidade de defender o noso), Diana Fernández e David Díaz (blogueira/o de Bolboretas no bandullo, que mesturarán ingredientes culinarios e lingüísticos), Marcus Fernández (webmáster de Código Cero, que falará das TIC en galego), María Yáñez (costureira de Internet, que demostrará que hai vida despois do Xabarín coa primavera “millennial”), Mark Wiersma (músico estadounidense, quen nos levará até o ano 2050 coa lingua e o son) e Rosalía Fernández Rial (profesora e poeta, que aclarará como a nosa lingua é latente de todas as demais).
“Diferentes temas para axudar a reflexionar sobre o futuro da nosa lingua con novos argumentos e alento reforzado”, como sinala a CTNL. Non faltaráá, claro, a música ao vivo, humor e improvisación, pois contarase coa actuación do grupo Poetarras e conducirán o acto os regueifeiros Josiño da Teixeira e Luís O Caruncho.
As entradas para este evento xa están á venda ao prezo de 6 euros (na rede en www.salacapitol.com, e fisicamente nos próximos días na Tenda A Reixa de Compostela. O día do evento, en caso de quedaren dispoñibles, custarán 10 € na billeteira).
LGx15 conta coa colaboración económica da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario