venres, 7 de outubro de 2016

Os sectores primarios galegos beneficiaranse da innovación tecnolóxica do Programa Primare

O polo de innovación dixital para o sector agro-alimentario galego da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e o Centro Tecnolóxico Gradiant (iniciativa da que falamos os días pasados, avanzando algúns detalles da mesma) presentábase hoxe no Campus de Lugo, máis polo miúdo na Casa do Saber. Á estrea asistía o director da Área de Solucións Tecnolóxicas Sectoriais da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Carlos Vázquez, quen aproveitou a cita para debullar a orixe e obxectivos do Programa Primare. Este é froito da colaboración da AMTEGA e das Consellerías de Medio Rural e Mar. A súa finalidade é promover a innovación dos sectores primarios galegos.
Segundo fixo saber, o programa aplicará as TIC ao desenvolvemento de solucións intelixentes para mellorar os procesos de explotación, xestión e produción agrícola e pesqueira co fin de aumentar a competitividade destes sectores, mellorar o seu acceso e posicionamento nos mercados, previr a fraude, garantir a calidade, seguridade e rastrexabilidade dos produtos.
Emporiso, para acadar estas metas, Primare considera a creación dunha plataforma tecnolóxica sobre a que se desenvolverán os distintos servizos e soluciones TIC para cada sector.
No eido agrario, o desenvolvemento da plataforma levarase a cabo polo procedemento de Compra Pública Innovadora, cuxo primeiro paso foi a apertura o pasado 26 de setembro da consulta preliminar ao mercado. Logo definiranse os proxectos concretos e abrirase o período de licitacións públicas para obter a solución tecnolóxica máis axeitada. A finalidade neste sector é desenvolver a tecnoloxía oportuna para avanzar cara a unha agricultura dixital. A plataforma dotará de novas ferramentas tecnolóxicas a produtores e xestores.
Isto será posíbel grazas ás innovacións en tecnoloxías de Big Data, sensorización e uso de drons.
En canto ao ámbito marítimo, dicir que xa comezou o proceso de dixitalización das lonxas, que terán na plataforma tecnolóxica de Primare o acceso a un sistema de pesada, clasificación e poxa, informatizando a xestión dunha información que se estaba a realizar de xeito manual. Esta actuación verase traducida nunha axilización destes procedementos, posibilitará as poxas en liña e mellorará a comercialización. Iniciarase en preto de media ducia de lonxas a través dunha fase piloto e irase estendendo ao resto das rulas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario