Entre xaneiro e marzo naceron 4.693 persoas e morreron 8.705, segundo os datos provisionais do IGEEntre xaneiro e marzo deste ano naceron, segundo o IGE, 4.693 nenas e nenos en Galicia e morreron 8.705 persoas, o que implica un saldo vexetativo para ese período de -4.017 homes e mulleres. Atendendo aos datos de 2015 -aínda provisionais, porque non inclúen nacementos e mortes de residentes habituais en Galicia que sucedesen fóra de territorio galego-, os nacementos serían 5 menos que no mesmo período do ano anterior. Os falecementos, no entanto, si experimentan unha redución dunhas 900 persoas. A vida segue igual e a morte redúcese, neste caso, un chisco.
Este avance de datos demográficos permite coñecer, asemade, que a tendencia en canto á idade media das nais galegas segue na mesma franxa que nos últimos anos. Así, o grupo de idade máis numeroso é o das nais de entre 35 e 39 anos -1.604 nacementos entre xaneiro e marzo-, seguido das de 30 a 34 anos (1.535). Algo máis de 700 nenas e nenos naceron con nais de 25 a 29 anos e case 460, de 40 a 44. Mentres, apenas 240 destes rexistros foron con nais de 20 a 24 anos e, nos extremos da estatística, rexistráronse 45 nacementos de nais de 15 a 19 anos, 33 de 45 a 49 anos e, por último, 2 nacementos con nais maiores de 50.
O saldo vexetativo máis negativo da serie histórica
Neste escenario, só un brusco cambio de tendencia a partir do pasado abril permitiría que Galicia remate 2016 cun balance demográfico substancialmente mellor que o de 2015, cando os datos provisionais do IGE amosaron a maior fenda entre nacementos e mortes da serie histórica, que comeza en 1975, cun saldo vexetativo de -12.269 homes e mulleres. Á espera de coñecer eses datos dentro duns meses, os indicadores xa dispoñibles non convidan ao optimismo. Así, por exemplo, a pasada semana a Xunta facía público un informe da súa 'Tarxeta Benvida' de 100 euros ao mes no que indicaba que ata os primeiros días deste mes de outubro rexistrada 10.438 solicitudes desta axuda, o que permite intuír que o número de nacementos non foi moi superior ao rexistrado o pasado ano de xaneiro a setembro, cando se rexistraran 14.415 partos.É neste escenario no que a Xunta enmarca o seu "Plan de Apoio á Natalidade" (PAN), que ademais do devandito cheque, destacan, inclúe deducións fiscais por nacemento "para contribuíntes cuxas rendas sexan iguais ou inferiores a 22.000 euros" anuais, unha axuda económica "de pagamento único" para persoas con baixos recursos económicos. Nos últimos anos a antiga Consellería de Benestar e a actual de Política Social destacaron tamén medidas como descontos en escolas infantís ou as denominadas 'Casas niño', un programa da Xunta semellante ao antigo Preescolar na Casa, que desapareceu de vez tras a retirada de apoio do Executivo autonómico.
A Xunta salienta axudas como a 'tarxeta benvida' de 100 euros mensuais, que combina con varias campañas publicitarias e inserción de contidos en xornaisAlén das axudas a Xunta vén apostando tamén pola difusión de campañas publicitarias de fomento da natalidade. As últimas contratacións con ese formato de insercións publicitarias en diversos soportes superaron o millón e medio de euros. A esta cantidade cómpre engadirlle, ademais, a inserción de contidos nos medios de comunicación mediante achegas económicas directas. Neste caso, as últimas coñecidas ascenden a algo máis de 340.000 en convenios bilaterais con empresas editoras de xornais impresos e emisoras e de radio co concepto de "accións divulgativas sobre o fomento da natalidade e a necesidade de incrementar as taxas de natalidade da Comunidade Autónoma. Desa cantidade, 320.000 euros distribuíronse en 17 convenios con medios privados e o restante, de case 24.000 euros, foi para a CRTVG.
Ningún comentario:
Publicar un comentario