venres, 21 de outubro de 2016

Galicia perderá 230.000 habitantes nos próximos 15 anos de manterse a tendencia demográfica actual

Estas previsións de diminución son sete veces superiores ás asignadas para a media do conxunto estatal, segundo o INE.

Galicia perderá algo máis de 230.000 habitantes nos próximos 15 anos de manterse as tendencias demográficas actuais, segundo a proxección de poboación que publica este xoves o Instituto Nacional de Estatística (INE).
A comunidade galega contaba con 2.720.668 habitantes a 1 de xaneiro de 2016, e, de seguir a tendencia á baixa, de acordo coas proxeccións, terá 2.489.946 en 2031, o que significa un descenso en 230.722 persoas e do 8,5%.
Estas previsións de diminución son sete veces superiores ás asignadas para a media do conxunto estatal, que, de continuar a evolución actual da demografía, perderá máis de medio millón de habitantes nos próximos 15 anos, o que suporá unha caída do 1,2% no conxunto de España.
A caída galega será a terceira maior por comunidades, de entre as 12 autonomías ás que se lle auguran baixadas. Desta forma, só para Asturias (-11,1%) e para Castela e León (-10,7%) se prevén retrocesos relativos maiores.
En termos absolutos sería, de cumprirse estas previsióins, a segunda maior baixada, posto que en Asturias, de acordo con esta proxección, o número de habitantes baixaría menos que en Galicia (-115.596) e só Castela e León, coas súas 262.068 persoas menos, superaríaa.
SALDO VEXETATIVO E MIGRATORIO
En canto ao saldo vexetativo —diferenza entre o número de nacementos e o número de defuncións—, a proxección parte na comunidade galega dun dato provisional negativo en 12.269 persoas en 2015. De manterse a tendencia, as cifras seguirán sendo negativas, en 15.920 persoas en 2020, en 18.588 en 2025 e en 19.595 en 2030.
O migratorio co estranxeiro bota un número en positivo, aínda que reducido, en 2015, de 163 persoas. O saldo iría aumentándose progresivamente ata as 1.471 persoas en 2020, 2.027 en 2025 e 2.429 en 2030, de cumprirse as previsións.
Pola súa banda, o saldo migratorio interautonómico proxectado para 2020 continuaría sendo negativo, en 374 persoas, tras selo tamén en 2015 (-1.882). Non obstante, esta tendencia inverteríase a partir de aí, ao situarse en cifras positivas en 2025 (+205) e 2030 (+665).
FOGARES
Por outra banda, se se mantivesen as tendencias actuais, o número de fogares de Galicia aumentaría en case 25.000, un 2,3%, ata superar 1.100.000.
En concreto, segundo outra proxección do INE, neste caso sobre fogares, a comunidade galega ten 1.082.105 fogares en 2016 e terá 1.107.081 en 2031, de seguir a tendencia. Serían 24.976 máis.
Deste modo cambiaría, de acordo con esta previsión, o tamaño medio do fogar, de 2,49 en 2016 a 2,23 persoas en 2031. A porcentaxe de fogares unipersonais, así, elevaríase do 24,9% ao 31,3%, e serían un total de 347.027 para entón, fronte aos 269.534 actuais.
En España, os fogares crecerían case nun millón nos 15 próximos anos e en 2031 habería máis de 5,5 millóns de fogares unipersonales, o que suporía o 28,6% do total.

Ningún comentario:

Publicar un comentario