xoves, 20 de outubro de 2016

O CPEIG vaise este outubro aos centros educativos para amosar os usos seguros de Internet

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) leva xa anos traballando a prol de contornas dixitais seguras para a nosa rapazada (recursos e divulgación para que nenos e adolescentes saiban tirar o máximo partido das TIC da maneira máis axeitada e sen risco). Froito deste compromiso é o programa Navegando con Rumbo e, tamén, Rapaciñ@s: a tecnoloxía ben segura, que vai pola súa segunda edición. Esta última iniciativa (impulsada polo CPEIG en colaboración coa axencia AMTEGA) vén de ser fonte de importantes novidades. Segundo informa o Colexio que preside Fernando Suárez, o programa visitará parte de Galicia nos vindeiros días con charlas informativas a cargo das colexiadas e colexiados do CPEIG, e obradoiros infantís baseados na tecnoloxía.
Máis polo miúdo, o itinerario de Rapaciñ@s recalará en Ferrol (Centro Sagrado Corazón, día 20 de outubro a partir das 17.45), A Coruña (Centro Escolapios, día 24 a partir das 18.30 horas), Vilagarcía (CEIP Escardia, día 24 a partir das 18.00), Lugo (IES Lucus Augusti, día 21 a partir das 17.00 horas), Pontevedra (IES Xunqueira 1, día 25 a partir das 17.00) e Vigo (pendente de confirmar o sitio, o día e a hora). As persoas interesadas en participar poden facelo no seguinte enderezo electrónico: eventos@cpeig.gal.
A entidade profesional galega lembra que Rapaciñ@s ten unha dupla vertente de utilidade: “Por unha banda, nais e pais, ademais de docentes, atoparán información e recursos de interese; pola outra, nenas e nenos adquirirán hábitos seguros para navegar na rede e desenvolven a súa creatividade tecnolóxica a través de obradoiros tecnolóxicos para que se divirtan e aprendan”.
Segundo engaden o CPEIG e máis a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, “a era dixital abre un mundo de posibilidades que require un bo uso das novas ferramentas por parte das nenas e nenos; aí precisamente entra en xogo Rapaciñ@s, informando das normas e límites para un uso seguro da Internet e tamén difunde os valores e oportunidades que ofrece a esfera dixital”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario