Martiño Suárez fala nesta entrevista da edición colectiva de 'Bestiario do vestiario', un proxecto cultural en galego que impulsa con Carlos Meixide. Tamén aborda a situación do idioma na literatura e nos medios de comunicación, logo da experiencia do que no seu día foi Dioivo.
O libro é un compendio dos relatos que Martiño publicou naquel gran xornal dixital cultural que foi Dioivo. Falamos con el para coñecer máis sobre este novo proxecto cultural e da situación dos medios en galego e do galego.
Como xorde Bestiario do Vestiario?
As historias publicáronse orixinalmente entre 2012 e 2013 en Dioivo, un medio dixital de breve existencia que fundaron unha serie de xornalistas galegos ben atrevidos. O libro é unha maneira de recuperalas e, ao tempo, de homenaxear a un medio de comunicación de vida curta pero co que o pasamos moi ben. Trátase dunha serie de 'historias da historia' polas que pasan desde pioneiras do ciclismo a filósofos gregos fanáticos do atletismo, espías da RDA, nazis, Elvis, futbolistas caídos...
E porque ese curioso nome. Semella que xa é toda unha declaración de intencións?
O nome, que xa era o da sección do Dioivo, débollo a Carlos Meixide. A min non se me ocorren xogos de palabras tan bos. O que el quería era unha galería de deportistas desviados, de historias nas marxes do deporte, así que a idea casa ben cos bestiarios medievais.
Fútbol e ciclismo centran boa parte dos relatos do libro. Compaxinan ben coa literatura?
O deporte en xeral dá para moitas historias de épica, de ascenso e caída, e para moito humor, que é o que quixen manter nestas historias. Porque, no fondo, eu creo que a sociedade se toma o deporte con demasiada seriedade e eleva aos deportistas a cotas que non merecen. Así que prefiro esas historias na marxe, a dos primeiros arxelinos que correron o Tour, a do primeiro campión negro de ciclismo en pista, a do emperador bizantino que escapa polos pelos das 'barras bravas'...
E ti es máis dun bo partido ou etapa do Tour ou dun bo libro?
Por fortuna non hai que escoller, pero para min o Tour é sagrado (e o Giro, e as clásicas de primavera).
Carlos Meixide é o editor do libro, por que Carlos?
Como comentaba, Carlos era o responsable de deportes de Dioivo e foi o que me encargou a sección. Nos últimos anos autoeditou as súas novelas 'Ons' e 'Inge e Robbie', así que o de editar o meu era un paso bastante lóxico. Estoulle moi agradecido.
Como dis a experiencia ven de Dioivo, aquel gran xornal cultural que ao final non callou. Por que?
A verdade é que non coñezo moi ben a historia interior do Dioivo. Eu colaboraba coas miñas columnas e deume moita pena que o proxecto non saíse adiante, porque me parece necesario que haxa medios diferentes, libres e en galego, coma este (GC), por outra parte.
Que cres que fai falla para que un medio triunfe en galego?
Supoño que é unha cuestión moi difícil. Por moito que nos doia, o galego segue sen ser unha lingua de prestixio para a maior parte da poboación; é un fracaso colectivo e unha mostra de estupidez enorme, a min gústame menos que a ninguén, pero é o que hai. Sumado isto a que o panorama dos medios, en xeral, segue sendo aterrador, o que é un milagro é que sigan adiante espazos coma este do Galicia Confidencial. Menos mal!
Supoño que iso ten tamén moito que ver co que pasa na literatura galega. Por iso acudiches ao crowfounding?
É unha maneira fantástica para que, por unha banda, o editor non teña que adiantar un monte de cartos que neste tipo de proxectos habitualmente non se teñen; e, pola outra, para implicar aos lectores na edición dun libro. É chulo comprobar como hai xente que te apoia e que é capaz de deixarse os seus cartos, que seguro que non lle sobran, para botarche un cabo.
E cal é a recompensa para os que axuden á edición do libro
Hai unha serie de contrapartidas que se poden ver na páxina de Verkami do proxecto, que van dos 5 aos 900 euros, dos agradecementos eternos a un concerto de cancións sobre deporte para dez amigos, pasando, naturalmente, polo Bestiario en papel e outros libros e discos que editamos ao longo dos anos tanto Carlos coma min.
Por certo, sei que es un home que traballou na política, que non de político... Como ves a política hoxe en día?
Aínda con máis escepticismo do habitual. As idas e voltas da política están ben para encher horas de radio e páxinas de xornal, e para entreternos do que realmente importa: que o que decidimos é unha parte mínima da posta en escena, porque o guión xa o escribiron noutra parte e non hai dios que o cambie.
Ningún comentario:
Publicar un comentario