venres, 14 de outubro de 2016

Expertos de Ciencias da Educación analizan os usos didácticos da muiñeira

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Educación da USC, co apoio do Servizo de Normalización Lingüística, organiza un obradoiro de seis horas para explorar as posibilidades didácticas e como ferramenta de normalización do baile tradicional e, máis concretamente, da muiñeira. Vai dirixido preferentemente ao alumnado das titulacións que imparte, aínda que está aberto ao resto da comunidade universitaria.
O obradoiro vaise celebrar na sede da Facultade no Campus Norte os días 25 de outubro, e 8, 15, 22, 29 de novembro e 13 de decembro, de 14:00 a 15:00 horas no ximnasio do centro. O curso é de balde, aínda que cómpre formalizar a inscrición antes do 23 de outubro enwww.usc.gal/snl/dinamizacion/obradoiro_baile.html, pois hai un máximo de 30 prazas.
Con este obradoiro, ademais de adquirir destrezas básicas de baile galego -en concreto a muiñeira- tamén se reflexionará sobre o seu uso como recurso didáctico na escola en relación con áreas como expresión corporal, a educación emocional, a lingua, etc.  O curso combinará breves exposicións teóricas e práctica de baile centrados na muiñeira (danzas de fitas, de paus, muiñeira corrida, muiñeira vella) e na xota (xota e maneo), nos ritmos de muiñeira noutras danzas do mundo e nos exercicios preparatorios para bailala.
A encargada de impartir o obradoiro é Marta Otero García, quen ten reflexionado ben sobre esta cuestión, pois ademais de ser mestra especialista en educación musical é membro da asociación de música e baile tradicional galego ‘Brincadeira’ e mestra de baile tradicional en actividades extraescolares para alumnado de infantil e primaria.

Ningún comentario:

Publicar un comentario