O tribunal dálle a razón á CIG-Ensino ao desestimar o recurso presentado pola Consellaría de Educación.
Novo varapau xudicial para a Xunta de Galiza e o primeiro para o novo conselleiro de Educación, Román Rodríguez. O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza vén de desestimar o recurso presentado polo goberno galego en relación cos despedimentos do profesorado Celga.A máxima instancia do país re-afirma co seu auto os ditames emitidos por diversos xulgados do social a respeito da nulidade ou improcedencia dos despedimentos. Neste senso, para alén de reiterar as obrigas legais de Educación ao confirmar a existencia dunha relación laboral entre @s doeentes e a administración, exíxelle o pagamento das costas do xuízo por valor de 600 euros.
Con esta sentenza, a primeira do TSXG, a xustiza dá a razón ao profesorado e á CIG-Ensino máis unha vez. E é que desde que foi denunciado xudicialmente o caso do colectivo Celga suman xa 28 sentenzas gañadas, 22 delas por despedimento nulo e 6 por improcedente, dun total de 52 procesos iniciados.
Unha actuación "represiva"
O conflito entre o profesorado e Educación remóntase a 2013 cando foron denunciadas perante Inspección de Traballo as condicións laborais en que se atopaban @s docentes. Sen contrato, nen Seguridade Social, nen dereitos recoñecidos Inspección obrigou a Xunta a dar de alta @s traballador@s coas debidas garantías e con carácter retroactivo por o período de tempo adebedado desde 2009.
Anxo Louzao: “A sentenza do TSXG, confirma, máis unha vez a actuación totalmente inaceptábel, represiva e ilegal da Consellaría de Educación"Cando isto aconteceu, a Secretaría Xeral de Política Lingüística --área á que estaba vencellado o colectivo-- procedeu ao seu despedimento. Perante esta situación @s docentes e a CIG-Ensino iniciaron as demandas nos diferentes xulgados do social do país. As sentenzas obrigan a readmitir o profesorado no posto de traballo e a lle pagaren os salarios de trámite polos cursos que lles correspondía impartir no 2014, cuestións que ratifica agora o TSXG. O custe deste conflito para a Administración, se sumamos as cotizacións e as multas, pode superar o millón de euros e pode incrementar se coas custas do TSXG, apuntan desde a CIG.
“A sentenza do TSXG, confirma, máis unha vez a actuación totalmente inaceptábel, represiva e ilegal da Consellaría de Educación cun colectivo que estivo explotado e que lle negou os seus dereitos laborais máis básicos”, sinala Anxo Louzao, secretario nacional da CIG-Ensino. A CIG-Ensino exíxelle ao novo conselleiro de Educación, Román Rodríguez, que a Consellaría cese na súa actitude vingativa e persecutoria contra este profesorado, asuma as resolucións xudiciais e en consecuencia, readmita a este colectivo unha vez que tanto as inspeccións de traballo, os xulgados do social e agora o TSXG, confirman a actuación ilegal da Xunta.
Ningún comentario:
Publicar un comentario