O Concello da Coruña concede bolsas de estudo nos EUA a alumnos de familias con rendas de máis de 60.000 eurosEste programa do Concello da Coruña concede bolsas a 50 alumnos empadroados e escolarizados no municipio para que aprendan o inglés nos Estados Unidos, subvencionando ás familias os gastos da súa estadía naquel país para cursar o equivalente ao 1º de Bacharelato nun high school. Son axudas públicas coas que se intenta premiar os rapaces con mellor expediente e creadas en 2000 polo anterior goberno socialista. "O obxectivo era darlles esta oportunidade a aquelas familias que non podían pagar estadías no estranxeiro ou campamentos de verán para os seus fillos", explica Mar Barcón, voceiro do grupo socialista e ex concelleira.
O PSOE denuncia que ao aplicar o novo baremo deixouse fóra unha rapaza cunha renda familiar de menos de 10.000 eurosDurante os tres primeiros anos do goberno popular de Carlos Negreira mantivéronse as bases e criterios das bolsas, pero este ano cambiaron para engadir outro baremo que provoca que o 40% das familias que gozan desta axuda declaren rendas familiares de entre 60.000 e 116.000 euros. Ao tempo, e tal e como denuncia o PSdeG, deixouse fóra unha rapaza cun expediente académico de notable, nivel medio de inglés e uns ingresos na súa familia de menos de 10.000 euros ao ano.
Por que ocorre isto? Antes, as Becas USA tiñan en conta o nivel de ingresos familiar, o expediente académico do alumno e o nivel de inglés, que se acreditaba mediante un exame común para todos no que unicamente se declaraba o rapaz apto ou non apto. Pero o executivo local do PP modificou os baremos para introducir por sorpresa un novo apartado de puntuación e no que se outorgan ata catro puntos extra a aqueles mozos que conten con algún certificado oficial que acredite un determinado nivel de inglés. "O baremo de excelencia en inglés, que é como lle din eles".
O goberno de Negreira introduciu un novo baremo que valora ter un certificado oficial de inglés "que adoitan obterse en academias privadas ou tras estadías no estranxeiro""Agora teñen en conta certificados que adoitan obterse en academias privadas, que supoñen un gasto importante para as familias e que en moitos casos son acadados por alumnos que teñen un nivel de inglés superior ao ter podido gozar de estadías en países anglófonos anteriormente", explica Mar Barcón, que aclara que o obxectivo inicial "nunca foi que os excelentes fosen máis excelentes, senón que todo o mundo, independentemente dos seus ingresos, puidese acceder a esta oportunidade". "Puntúan o inglés dúas veces e a segunda delas baseada na excelencia", denuncia.
"Antes, máis de corenta nenos cun bo nivel de inglés, e cuxas familias non podían permitirse pagarlles estas experiencias de mellora, podían pasar un curso fóra e mellorar as súas capacidades; agora, ocoren cousas como que unha nena, cun excelente expediente e un bo nivel de inglés queda fóra tendo a súa familia unha renda de menos de 10.000 euros, mentres o 40% dos beneficiados proveñen de familias con rendas de máis de 60.000", insiste Barcón. "Estamos pagando estes estudos a cenmileuristas", engade.
"Estamos pagando estes estudos a 'cenmileuristas", denuncia a socialista Mar BarcónO PSOE, a través da súa concelleira Nieves Vázquez, xa denunciou no pleno municipal esta situación, reclamando que se paralice o proceso e que se adapten as bases para que se acade o obxectivo inicial e desexado destas bolsas: "dar unha oportunidade aos mozos coruñeses que o merecen e que o precisan". "Non é de recibo que a cidadanía gaste case 300.000 euros en financiar a bolsa a nenos con ingresos de ata 116.000 euros", dixo. "Tendo en conta que o alcalde cobra uns 60.000 euros ao ano e que o presidente da Xunta, uns 70.000... Estamos subvencionando xente que non o precisa", engadiu Barcón a Praza.
Francisco Mourelo, concelleiro de Educación, limitouse a asegurar que as familias lle dan "os parabéns ao goberno local pola claridade, transparencia e baremos claros" do programa de bolsas e en presumir de que se pasou "das 42 prazas de antes ás 50 de agora", algo que a voceira socialista, Mar Barcón, atribúe a que se reduciu a contía destinada a cada un dos alumnos. "Limitáronse a repartir os mesmos cartos entre máis xente; pagan un pouco menos para poder dicir que fan máis", conclúe.
Ningún comentario:
Publicar un comentario