Non é certo que o Goberno galego vaia devolver a extra de 2012. Nin tan sequera é certo que estea a cumprir as sentenzas xudiciais que determinan que ten a obriga de devolver, si ou si, 44 días devengados desa paga extra. O Goberno do Partido Popular o que fai é devolver tan só 22 días do total da paga extra substraída en 2012. É probable que nun futuro próximo, seguramente moi preto xa das próximas eleccións (sexan estas municipais, estatais ou galegas) faga o anuncio de que devolve o que resta de paga extra de 2012 para, de novo, dar a sensación de ser un goberno cumpridor co seu funcionariado. Nada máis lonxe da realidade.
A situación empeora se nos comparamos co resto de territorios do Estado español (véxase táboa ao final do texto). Tan só outras 5 comunidades autónomas están nunha situación tan negativa como a nosa, isto é, na que o funcionariado docente segue sen percibir integramente unha retribución cuxo dereito a cobrala foi xa gañado e recoñecido nos tribunais.
O colmo do esperpento é que o Goberno de Feijóo, como quen non quere a cousa, continúa quitando ano tras ano unha paga extra ao funcionariado docente galego. Dende 2013, efectivamente, a Consellería de Educación determinou que nas pagas extras de xuño e decembro íanse deixar de cobrar os complementos específicos (docente, sexenios, singular e cargos) de forma que todas as pagas extras dende 2013 ata hoxe seguen estando recurtadas entre un 40% e un 50%. En definitiva, do 2013 a hoxe o colectivo docente galego perdeu practicamente unha paga extra enteira cada ano transcorrido.
De novo, a comparativa co resto do Estado (véxase
táboa ao final do texto) é tan reveladora como desoladora, pois tan só
outras 5 comunidades autónomas están nesa mesma situación.
Non insiste o Goberno Popular en que a situación
económica en Galiza virou para ben durante o ano 2014?. Por que mantén,
entón, estes recortes retributivos para o funcionariado docente galego?
Acaso non merece o profesorado que depende da Consellería de Educación
da Xunta de Galicia un trato, como mínimo, equiparable ao profesorado do
resto do Estado? Ou é que a cacarexada recuperación só serve para dar
grandes titulares pero non para retribuír dignamente aos traballadores e
traballadoras do ensino galego?
Ningún comentario:
Publicar un comentario