Lectura do informe PISA para o período 2006-2009 que non só afirma a inexistencia de efectos negativos nas áreas científica e técnica senón que documenta a sensible mellora no rendemento escolar noutras afectadas pola aplicación do Decreto 124/2007. Máis alá de casos extravagantes, supuxo unha mellora cuantificable en competencias de lectura e comprensión.
Seguro que a introdución do galego como lingua vehicular non é a única responsable desta mellora, o maior investimento en recursos e medios será máis probable, pero o informe PISA permite documentar que o aumento do uso do galego na escola non entorpece ningunha outra competencia. En todo caso, reforza as áreas que lle son conexas.
É dicir, supoñía unha mellora neta, un recurso ao que agora se renuncia por oportunismo político e en contra dos únicos intereses lexítimos, os educativos.
Conclusións extraídas do informe :
Galicia está á par da OCDE, e mesmo por riba en competencia científica, e por riba da media española nas tres competencias estudadas. Os resultados en Galicia entre 2006 e 2009 non mudaron moito: na comprensión lectora rexístrase un incremento de 7 puntos; en matemáticas houbo un descenso de 5 puntos; e en ciencias houbo un ascenso de 1 punto.
Isto significa que a introdución da lingua galega como lingua vehicular no ensino en diferentes materias impulsada polo Decreto 124/2007 non empeceu a adquisición de competencia lectora nin científica do alumnado. Os resultados dos estudantes galegos son superiores á media española nas tres áreas de coñecemento: no referente ás áreas de lectura e matemática, cun lixeiro ascenso, e en ciencias, de xeito máis acusado.
Materias que fornecen a adquisición de competencia científica son Coñecemento do Medio de Educación Primaria ou Bioloxía e Xeoloxía en Educación Secundaria, materias que levan impartíndose en galego desde hai xa moitos anos. O bilingüismo favorece tamén o dominio e a comprensión lectora en castelán porque, de feito, practicamente todas as comunidades autónomas cun ensino bilingüe teñen unha media na comprensión lectora en español superior á media estatal.
O aumento da presenza do galego como lingua vehicular do ensino axudou a mellorar a comprensión lectora en español e non repercutiu negativamente sobre os resultados en matemáticas, materia que daquela era impartida en galego. Estes resultados do Informe Pisa, o estudo de referencia mundial para medir a calidade dos sistemas educativos, demostran que o fomento do galego non vai en detrimento da competencia en español nin do desenvolvemento científico do alumnado.
Informe completo elaborado polos profesionais de CGENL sobre o informe PISA
Ningún comentario:
Publicar un comentario