Nestas últimas datas están a
aparecer nos medios novas acerca do informe da OCDE que se publicou
recentemente, e que analizan o estado do ensino e os seus axentes no
estado español.
No STEG non imos entrar a valorar ese informe, posto que a OCDE é un
organismo de carácter económico, que basea os seus estudos en
comparativas entre os estados membros, e non entra a valorar as
características particulares de cada un dos territorios, co que se deixa
de lado a labor social da educación, imposible de medir nos termos que
esta organización manexa.
Pero o que non se pode consentir é que se utilice este mesmo informe
para seguir perpetrando esta campaña de desprestixio da profesión
docente, reavivada nesta precampaña electoral, que semellaba estancada
dende que o señor Wert pasou ao seu retiro dourado en París. Seica o
máis salientable deste informe é que ao profesorado non se lle somete a
unha avaliación externa, ou o número de xente nova que non estudia nin
traballa, coma se buscasen unha xustificación para as últimas
declaracións do señor Marina.
Quizais non se considera importante que España sexa un dos países nos
que máis se recorta en educación. Ao mellor non é relevante que, mentres
se afirma que canto menor é o número de alumnado por aula máis tempo se
lle pode adicar a un ensino individualizado, se recoñeza que a media de
alumno por aula é maior en España que na media da OCDE. Seica non
interesa saber que España é, despois de Grecia, o país onde hai máis
titulados superiores en paro. E, por suposto que ninguén quere saber que
a profesión docente é unha das peor pagadas entre os traballadores con
niveis de estudos similares.
Certo, a campaña debe centrarse en que aos docentes non se lles avalía.
Nunha cousa teñen razón, alomenos en parte: os docentes do ensino
privado e concertado non teñen que pasar polas durísimas probas de
acceso á función pública docente. Segundo a OCDE, esta avaliación
inicial, lonxe de ser abondo para seleccionar as persoas mellor
preparadas para o ensino público, debe ser tan mala que incluso fai
inútil o traballo da inspección educativa, que é o servizo que debe
velar pola boa calidade do sistema.
Dende o STEG queremos recomendarlles ás señoras e señores da OCDE que,
se queren saber cales son os problemas do ensino público, non os vaian
buscar nos docentes, que son os que están salvando a educación mantendo o
nivel do ensino público, a pesar do aumento da carga horaria, o aumento
do número de alumnos por aula e a perda de dereitos laborais que levan
sufrindo dende hai anos.
Permanente do Secretariado Nacional do STEG
Ningún comentario:
Publicar un comentario