Un artefacto dixital para os institutos, unha carrilana punteira e un sistema de obtención de enerxía nas baldosas, entre os proxectos premiados.
Un innovador sistema de mellora da comunicación entre alumnos e profesores desenvolvido por alumnos vascos é o gañador absoluto da Galiciencia 2015, na súa edición especial de décimo aniversario. O proxecto de Ander Aguiriano e Jonan Andoni Martin, da Lauro Ikastola (Amorebieta-Etxano, Bizkaia) impúxose entre as 54 propostas de Secundaria que competían polo premio final, dotado con 1.000 euros para financiar a súa participación noutra feira científica de carácter estatal, a Exporecerca 2016. O xurado valorou especialmente a sofisticación da tecnoloxía desenvolvida e as probas realizadas para testala.Os premios foron entregados polo director da Axencia Galega de Innovación, Manuel Varela, e polo conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, que asegurou que se seguirá traballando para que a Galiciencia sexa cada ano mellor e que é un orgullo para a Xunta “facilitar e canalizar todo este talento innovador”. Conde tivo palabras de recoñecemento para os profesores e deu a noraboa a todos os participantes por “poñer toda a paixón necesaria durante meses para traer á Galiciencia estes innovadores proxectos”.
O equipo gañador analizou as dificultades que se presentan na aula entre alumnos e profesores co fin de detectar cal é a razón de que a comunicación se interrompa ou sexa inexistente. Tras realizar entrevistas a alumnos, profesores e orientadores, deseñaron unha proposta baseada nun software adaptado ás necesidades de cada alumno e testárono no caso real dun neno con autismo severo do Colexio Sagrado Corazón de Bilbao para o que se programou un comunicador dixital, con resultados moi positivos. Finalmente, contrastáronse os resultados con diferentes expertos no tema e establecéronse as liñas de mellora. O proxecto resultara xa gañador da feira análoga en Euskadi, a Zientzia Azoka.
O mellor proxecto testouse nun caso real dun neno con autismo severoO segundo premio, dotado con 500 euros para asistir á feira científica vasca, correspondeulle ao proxecto técnico para a construción da Galinercia, a carrilana de tecnoloxía punta que tanta expectación levantou entre os visitantes polo seu sofisticado prototipo. Alejandro González e Anxo Carpintero, do CPR Plurilíngüe Santa María-Maristas de Ourense, deseñaron un vehículo de inercia utilizando un sistema de balanceo baseado no Carver Surfer, un monopatín experimental de BMW, equipado con todas as medidas de seguridade establecidas pola Federación de Deportes de Inercia e construído con aceiro de carbono, aluminio e fibra de vidro. O equipo foi recoñecido tamén co premio ao proxecto coa mellor comunicación e presentación oral.
En terceiro lugar quedaron Pablo Lomba e Iago Vázquez do Colexio Monte Castelo de Vigo, co seu sistema para obter enerxía a partir da circulación de vehículos e persoas, que recibiron unha axuda de 200 euros para asistir á feira científica da Coruña. O seu proxecto baséase en conseguir aforro enerxético mediante o uso de materiais piezoeléctricos que, introducidos nas baldosas e calzadas da rúa, recargarán unhas baterías a partir da enerxía producida polo paso da xente e dos vehículos que permitirían abastecer de enerxía tanto farois como semáforos.
Este ano, como novidade, outorgáronse tamén recoñecementos a varios proxectos con base en habilidades e temáticas concretas. Así, a camiseta deportiva con LED preventiva para problemas de corazón, desenvolvida por Erea Barge e Pedro López nas Aulas Tecnópole, foi destacada como proxecto máis innovador. O seu prototipo é capaz de medir a frecuencia cardíaca mentres se fai deporte e avisar cando esta rebasa os límites considerados normais, coa finalidade de previr graves problemas que afectan ao corazón, como a morte súbita.
Alborada de Vigo foi galardoado pola súa investigación histórica da illa de San SimónO proxecto co método científico e proceso de investigación mellor definido foi, segundo o xurado, a investigación para a recuperación da memoria histórica da Illa de San Simón. Manuel Delgado e Diego Moreira, do Colexio Alborada de Vigo, retrocederon no tempo até o S.XI para descubrir os acontecementos que tiveron lugar na illa e, como froito das súas pesquisas, redactaron un libro cos datos obtidos e editaron unha breve película a modo de paseo virtual.
O premio ao mellor proxecto de humanidades foi para Nin perdoo nin esquezo, de Joan Giralt, que o desenvolveu na Associació per Promoure la Recerca Jove (Magma), de Barcelona. Este traballo audiovisual trata a tráxica historia dunha familia republicana que se viu obrigada a exiliarse a Francia durante o final da Guerra Civil Española. A partir desta narración particular o documental tamén trata toda a retirada republicana de 1939, así como a nefasta recepción francesa de entón.
No acto de clausura entregáronse tamén os premios dos concursos de fotografía e de deseño da camiseta oficial da Galiciencia convocados antes da celebración da feira. Os gañadores do de fotografía son a profesora Antía González, do Colexio Alborada de Vigo, e o alumno Juan Bembibre, do IES Carlos Casares de Vigo. O do deseño da camiseta foi para Luis Feijoo do Colexio Luis Vives de Ourense. A deseñadora da mascota oficial, Sira Ricoy, recolleu tamén o seu premio.
Ningún comentario:
Publicar un comentario