O 4 de novembro a nosa terra (docentes,
investigadores, estudantes, cidadanía en xeral) celebra a sexta
edición do Día da Ciencia en Galego. Entre as entidades que
impulsan a festividade atópase (coma cada ano) a Coordinadora Galega
de ENDL, que para conmemorala vai organizar, entre outras cousas,
unha videoconferencia impartida por Xurxo Mariño Alfonso (biólogo e
doutor en Ciencias Biolóxicas pola Universidade de Santiago,
profesor do Departamento de Medicina da Universidade da Coruña,
especialista en neurofisioloxía e activo divulgador científico). O
relatorio de Xurxo Mariño desenvólvese baixo o epígrafe A
máquina que constrúe a mente e a realidade e
será retransmitido vía streaming
aos centros de ensino non universitarios que queiran participar na
iniciativa (a día de onte 108 centros abranguendo máis de 6.500
alumnas e alumnos, “unha convocatoria récord” segundo lembra a
Coordinadora).
O alumnado que
participe na iniciativa, recordan os organizadores do evento, poderá
interactuar co relator a través da rede social Twitter (etiqueta
#cienciaengalego). Segundo engade a Coordinadora Galega de ENDL, o
Día da Ciencia en Galego organízase por sexto ano consecutivo para
reivindicar o uso vehicular da nosa lingua nas materias
científico-técnicas, “onde o seu uso é marxinal tras a
imposición do Decreto de Plurilingüismo por parte da Consellería
de Educación. Na videoconferencia de hoxe, que dará comezo ás
12.30 horas, tamén participan o Servizo de Normalización
Lingüística e a Área de Redes e Comunicacións Multimedia da
Universidade da Coruña.
Xurxo Mariño Alfonso, no seu relatorio, fará un
percorrido polo concepto de mente, o seu funcionamento e a súa
adaptación ao universo da intelixencia artificial (Como funciona a
mente? A onde vai o “eu” cando durmimos? Poden construírse
máquinas artificiais que teñan mente?). O profesor Mariño Alfonso,
sinala a Coordinadora, “mergullará aos estudantes na complexidade
do encéfalo humano, a máquina na que miles de millóns de neuronas
utilizan a electricidade para se comunicaren e, dese xeito, crear a
mente e a realidade”.
O evento recala na UDC e na vertente
multiconferencia cos nosos centros de ensino tras pasar en edicións
anteriores pola USC e a UVigo. Esta videoconferencia, xunto co
cumprido feixe de actividades que se está a desenvolver estes días
nos nosos centros de secundaria, nas universidades e en diversas
institucións, procura que o alumnado “teña acceso á ciencia sen
ningún tipo de prexuízos, nin sobre a ciencia, nin sobre todo en
canto ás posibilidades de aprendizaxe da ciencia en calquera idioma,
tamén o galego”, engaden os organizadores. Os colectivos
convocantes (AGAPEMA, APETEGA, ENCIGA e Igaciencia) e as institucións
e entidades que se suman a esta data reinvindicativa, como a CGENDL,
queren expresar deste xeito que “todos os idiomas, neste caso o
galego, apréndense usándoos en todos os contextos, tamén nos
relacionados coa ciencia e a tecnoloxía, a pesar do Decreto para o
Plurilingüismo que a Consellería de Educación impuxo para eliminar
o seu uso como lingua vehicular de diferentes materias destes
ámbitos”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario