Preto dun cento de investigadores de diferentes países presentarán os seus traballos nestas xornadas organizadas en Pontevedra. A Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación acolle os días 27 e 28 o simposio internacional da rede Xescom.
Abordar desde múltiples perspectivas a transformación que as novas
tecnoloxías da información e da comunicación están a provocar no
‘ecosistema mediático’ é un dos eixos centrais do Simposio Internacional sobre Xestión da Comunicación,
que os días 27 e 28 de novembro se desenvolverá na Facultade de
Ciencias Sociais e da Comunicación. Preto dun cento de investigadores e
investigadoras de diferentes países daranse cita no campus pontevedrés
no marco dunhas xornadas impulsadas pola Rede Internacional de
Investigación en Xestión da Comunicación (Xescom), que coordina o grupo
Novos Medios da Universidade de Santiago e da que forman parte os grupos
de investigación Necom e Mile da Universidade de Vigo, e iMarka, da
Universidade da Coruña.
“Para a facultade sempre é unha moi boa oportunidade poder acoller un
evento con pegada internacional coma este”, salienta respecto deste
simposio a decana de Ciencias Sociais e da Comunicación, Emma Torres,
que incide no carácter internacional dunhas xornadas que contarán entre
os seus conferenciantes con expertos como o profesor da universidade
británica de Hulll Raphael Cohen, a investigadora da Pontificia
Universidad Católica de Ibarra en Ecuador Alba Silva, o vicerreitor da
Universidade de Beira Interior lusa Joao Canavilhas ou o director do
Media Intelligence Service da Unión Europea de Radiodifusión, Roberto
Suárez. De aí que Torres faga énfase no “interese dun programa no que
hai achegas de profesionais e académicos de relevancia”, así como no
feito de que este simposio contribúa a situar á facultade do campus
pontevedrés como “centro de referencia á hora de falar da xestión
comunicativa, un ámbito moi dinámico no que conflúen titulacións como
Publicidade e Relacións Públicas ou Dirección e Xestión Pública”.
Máis aló dos medios tradicionais
Dos medios aos metamedios é o título deste simposio no que se
combinarán a presentación de traballos de investigación cunha serie de
relatorios e mesas de debate, abertas ao público, nas que participarán
“expertos e profesionais de recoñecido prestixio”, como sinala o
profesor de Ciencias Sociais e da Comunicación e secretario do congreso
Iván Puentes. “A idea dos metamedios é un concepto que busca expresar o
que hai máis aló dos medios tradicionais, aqueles vencellados ás novas
tecnoloxías da información e da comunicación”, sinala este docente
respecto do título dun simposio “orientado cara os novos medios pero no
que se trata de que a temática sexa do máis amplo e variada posible”.
Nese senso, a reflexión que se promoverá nestas xornadas abranguerá
tanto o papel dos medios como actores económicos e industriais, como a
transformación tecnolóxica que está experimentando o “ecosistema
mediático” e a propia comunicación das organizacións corporativas e
institucionais. Con este propósito, o primeiro simposio da rede Xescom,
un proxecto de investigación financiado pola Consellería de Cultura,
Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia e coordinado
polo profesor da USC Francisco Campos estrutúrase en torno a dez eixos
temáticos. Neles agrúpanse as preto de 100 comunicacións que ao longo
destas dúas xornadas exporán no campus investigadores e investigadoras
de España, Portugal, Italia ou Brasil, e que abarcan desde o márketing, a
comunicación corporativa e institucional ou a comunicación política e a
publicidade, á situación do xornalismo nun “ecosistema multiplataforma e
multipantalla” ou o papel que xogan as redes sociais.
“O que se pretende é abordar a comunicación dixital desde un punto de
vista o máis amplo posible”, engade Puentes do programa dun simposio que
trata de promover un debate arredor dos cambios que as novas
tecnoloxías están a provocar nese “ecosistema mediático”, nun momento no
que, como sinala Puentes, “os xornais en papel están a sufrir as
consecuencias da crise e a prensa dixital aínda algo inestable”, ou no
que as redes sociais académicas están a abrir “un abano de posibilidades
moi interesante” para á difusión da ciencia, xa que “rachan coa
mediatización das revistas científicas e interconectan os investigadores
ata o infinito”, ámbito precisamente no que se centran os traballos
desenvolvidos no seo desta rede polo grupo de investigación Necom, que
dirixe o profesor de Ciencias Sociais e da Comunicación Xosé Rúas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario