A privatización de servizos públicos asociados á educación e á sanidade é un sinal de identidade das políticas neoliberais. A súa aplicación na Galiza é plenamente congruente coa ideoloxía do partido no goberno e mesmo ten sido teorizada polo presidente da Xunta, cuxa concepción sobre o que é o núcleo central do público é absolutamente restritiva (nun hospital só sería o servizo estritamente médico, unha visión ideolóxica que é na práctica un traxe á medida dos intereses do capital privado).
Ten plena lóxica que a escalada privatizadora se fixese máis agresiva xusto nestes anos de crise. Após o estourido da burbulla inmobiliaria, o capital procura novas áreas de negocioTen plena lóxica que a escalada privatizadora se fixese máis agresiva xusto nestes anos de crise. Após o estourido da burbulla inmobiliaria, o capital procura novas áreas de negocio. Se pode ser negocio monopolístico ou pouco aberto á competencia, mellor que mellor. E nese sentido, poucas áreas resultan máis atractivas para a rendabilidade empresarial que os servizos públicos, nomeadamente os fundamentais, o ensino e a sanidade.
A privatización é un mal negocio para a facenda pública porque os servizos son, por pura lóxica, máis caros, ao ter que se imputar na factura o beneficio empresarial (o capital non acode ás externalizacións por filantropía). Mais cando falamos de comedores escolares, o problema non é só de maior ou menor eficiencia económica, senón que atinxe á calidade da alimentación das alumnas e dos alumnos. E aquí os indicios de que as empresas antepoñen a lóxica dos gañancias ao dereito de nenas e nenos a ter acceso a unha boa dieta son abrumadores, tanto que até a Xunta se ten visto obrigada a rescindir contratos con dúas empresas de catering.
A boa noticia é que as nais e os pais están cada día máis vixiantes e son cada día máis exixentes. A demanda de reversión das privatizacións comeza a ser un clamor.
Ningún comentario:
Publicar un comentario