Anos despois tiven a sorte de coñecer persoalmente ao seu autor. Foi en Silleda, en novembro de 2005 na homenaxe a Alonso Ríos e Valenzuela. Para min supuxo unha grande emoción porque significaba pode conversar ao vivo con Neira Vilas, empoleirado desde a miña infancia, escritor dunhas letras idolatradas por seren e sentilas coma propias da Terra na que naceron e se criaron. O alto-escribente que pregoara as palabras rurais, o léxico dezao da cerna da Terra, á luz da universalidade.
Semellaba un rapazoulo incansábel, e mesmo despois de superar unha recente doenza proseguiu gratamente enleado coa escrita en pegadas indelébeis, con presentacións, homenaxes, palestras, recoñecementos...Houbo posteriormente varias coincidencias con el e a súa muller/namorada, Anisia Miranda. En actos de recuperación da memoria histórica das vítimas da represión franquista, do exilio, da emigración, dos que eles eran testemuñas fidedignas para autenticar: San Simón, o Consello pola Memoria, a inauguración da rúa Ramón de Valenzuela na Bandeira, a rodaxe do documental Afranio, o Centenario de Valenzuela…Mais o que me resultou totalmente revelador e irresistíbel foi gozar da compaña de Pepe e Anisia na Feira do Libro da Habana en febreiro de 2008. A miña misión alí era coordenar as citas e o transporte d@s literat@s galeg@s convidad@s ao magno evento, e sobretodo, estar pendente destes dous mozos que revivían na Habana a súa segunda mocidade arroupados polas letras do País e representando a Galiza en Cuba, a súa outra nación. Foron quince días moi intensos, onde aformigou nos tres unha amizade infinita. Naquela altura sentinme por unha xornadas un home afortunado por poder partillar xenerosos momentos acesos que convertín en familiares e perdurábeis.
En outubro de 2009 Anisia finou e lamentei tristeiro a perda dunha das persoas máis xoviais que teño coñecido. Pepe continuou enteiro cos seus actos, tentando compensar o agarimo que tant@s galeg@s lle profesabamos. Semellaba un rapazoulo incansábel, e mesmo despois de superar unha recente doenza proseguiu gratamente enleado coa escrita en pegadas indelébeis, con presentacións, homenaxes, palestras, recoñecementos... Era noticia permanente na prensa, nos xornais dixitais, nas redes sociais... Onte [nota de Sermos: o autor reférese á sexta feira 28 de novembro], por volta das 12, logo de rematar as aulas no IES Pedra da Auga, accedín aos medios na rede e atopeime co seu pasamento. Sentín un calafrío, notei como o meu cello se engruñaba, o meu rostro ficaba serio, adusto, aflito. Emocioneime desencaixado ao rememorar tod@s @s nosos vell@s c@s que finan as palabras vivas da lingua propia, a Pepe e a Anisia, A Habana, as Memorias dun neno labrego, a Balbino, e acordeime tamén de Pachín, o meu can que mora na aldea, coma quen di, alguén.
Matías Rodríguez da Torre
Profesor de lingua e literatura galegas
Ningún comentario:
Publicar un comentario