luns, 30 de novembro de 2015

A Rede galega rende tributo a Neira Vilas

Sen dúbida hoxe é unha data triste para a nosa terra. Faleceu na súa casa de Vila de Cruces o gran escritor Xosé Neira Vilas e dende Código Cero querémonos sumar á homenaxe que lle está a render a nosa comunidade internauta por enteiro ao autor de obras tan inmortais como Cartas a Lelo, Memorias dun neno labrego ou Días de Cuba. Entre as canles que máis esforzos está a despregar en despedir a Neira Vilas como se merece atópase Praza.gal, que comezou informando do seu falecemento (este venres aos 87 anos de idade na casa que o escritor tiña en Gres, Vila de Cruces) e proseguiu engadindo achegamentos á vida e á obra dun novelista que (cómpre lembralo) tamén foi reporteiro, dirixente sindical, activista cultural e político, pedagogo e, sobre todo, “unha das maiores figuras da literatura galega e do país”, segundo apuntan en Praza.
O medio dixital, por certo, tamén recupera para o seu tributo a Neira Vilas dúas entrevistas recentes, unha feita este mesmo ano (en xaneiro de 2015), na que lembraba aos seus lectores como comezou a sentirse galego de verdade cando estivo lonxe da súa terra, aos poucos meses de chegar a Bos Aires.
Outra canle envorcada nas homenaxes ao autor é sen dúbida a web do Consello da Cultura Galega, na que se achega un máis que completo percorrido multimedia (audios, fotos, vídeos, textos) pola vida e obra do escritor de Vila de Cruces, “activista incansábel da cultura e da lingua galega, tanto en América como en Galicia”. Segundo nos lembra o Consello da Cultura, Neira Vilas “foi un escritor que gozou de gran recoñecemento tanto no exterior como no interior, onde dende o seu retorno a Galicia participou intensamente da vida cultural do país e contribuíu a ela dende a súa Fundación na aldea natal de Gres”. O Consello, para homenaxear ao autor de Xente no rodicio, fornece dende hoxe unha completa escolma de textos, vídeos e audios dispoñíbeis a través das súas dúas canles (culturagalega.gal e consellodacultura.gal) e noutros sitios de Internet “para ler e gozar da palabra deste escritor emblemático do noso país”.
Amais das devanditas canles, tamén están a informar do pasamento de Neira Vilas (homenaxeándoo, rendéndolle sentido tributo) dende Galicia Confidencial, dende Sermos Galiza, dende La Voz de Galicia, dende El Progreso, e mesmo dende medios de alcance estatal como Eldiario.es ou Elpais.es. A nivel literario, cómpre salientar os tributos que se lle están a facer dende as editoriais Xerais e Galaxia, onde Neira Vilas publicou gran parte da súa obra.

Ningún comentario:

Publicar un comentario