O novo
informe sobre fogares do observatorio estatal ONTSI confirma
cousas que xa sabíamos (a gran maioría da poboación prefire o
móbil sobre calquera outro trebello, cunha forte penetración dos
dispositivos intelixentes) e outras non tanto (o portátil pasou, nos
fogares, dunha taxa de penetración do 5,2% en 2003 ao 66,2% da
actualidade). O nova edición do estudo é especialmente relevante
para coñecer a evolución das TIC nas nosas vidas ao longo da
historia recente: achega datos relativos ao período comprendido
entre 2003 e 2015. En cuestión de equipamento informático, a
investigación sinala que durante este lapso de tempo duplicouse o
número de fogares con computador: pasou dun 43,4% en 2003 a un 82,2%
en 2015. Polo que atinxe ás tabletas, limitábanse na data en que
apareceron no mercado (2012) a un 11,8% dos domicilios. A día de
hoxe están case na metade. E subindo.
No que respecta á
penetración do móbil, non deixou de medrar e a finais de 2015 nove
de cada 10 individuos xa conta cun aparello destas características.
En cuestión de equipamento de lecer, os aparellos estrela son as
televisións de TFT ou plasma, que están presentes en 8 de cada 10
casas. En 2007 estaban só no 15,2% dos domicilios. As televisións
intelixentes, con conexión á Rede, está arestora no 18,5% das
casas.
O estudo do ONTSI tamén
rexistra a evolución do equipamento de lecer a nivel individual.
Neste apartado, o 29,6% dos cidadáns xa conta cun reprodutor MP3. O
lector de libros dixitais pasou dunha taxa do 0,5% en 2009 a unha
porcentaxe do 16,3 en 2015.
O gasto medio por fogar
en servizos TIC experimentou unha redución desde 2003 até 2015,
pasando de 92,8 euros a 63,5 euros (IVE incluído).
Atendendo ao nivel de
penetración de cada un dos servizos TIC nos fogares, percíbese que
desde 2003 até 2015 Internet rexistrou un medre considerábel nos
fogares (do 25,4% até o 73,3%). En canto aos servizos de telefonía,
o dato máis salientábel é que a partir de 2006 a porcentaxe de
fogares con teléfono móbil supera á dos que dispoñen de fixo.
Así, en 2015 o móbil está presente no 97% dos fogares e o fixo no
83,4%. O servizo con menor nivel de penetración é a TV de pago, que
en 2015 ten contratado o 30,7% dos fogares do ámbito estatal.
No que respecta ao acceso
a Internet da poboación española, subiu case 45 puntos porcentuais
desde 2003 acadando en 2015 unha penetración do 78,2%. Sobre o lugar
elixido para acceder á Rede, durante os 13 anos avaliados, o
domicilio mantense como “o sitio máis acaído” e na actualidade
o 89,2% da poboación internauta navega desde casa.
Por dispositivo elixido
para navegar, a partir de 2013 o teléfono móbil sitúase como líder
(en 2015 utilízao o 87,1% dos internautas) e xunto á tableta
(empregada polo 45,9% en 2015) son os dous dispositivos que
experimentaron un ascenso máis destacábel nos últimos anos.
Sobre os usos de
Internet, o informe certifica que “practicamente mantéñense sen
cambios entre 2003 e 2015”. Así, sinálase, “a maioría dos
internautas acoden á rede para buscar información ou consultar
novas e, en menor medida, para acceder aos servizos de banca
electrónica, mercar bens e servizos e xogar en rede”. O uso da
Administración Electrónica duplicouse e pasa dun 15,6% da poboación
en 2003 a un 32,8% en 2015.
Ningún comentario:
Publicar un comentario