Está habilitada para Android e IOs e permite a tradución entre galego, castelán, inglés, portugués, francés e catalán
A aplicación móbil Gaio, que conta cunha interface moi sinxela e intuitiva, permite a tradución de textos entre galego, castelán, inglés, portugués, francés e catalán. O usuario que descargue Gaio poderá gardar as súas traducións favoritas, enviar suxestións para completar e mellorar os dicionarios de Gaio, configurar os idiomas por defecto e predeterminar se aplicación debe ou non marcar as palabras descoñecidas.
A nova app vai beneficiarse ademais de todas as melloras que se vaian incorporando aos dicionarios da aplicación web, que leva máis de dous anos en funcionamento a nivel interno na Xunta de Galicia, e dez meses dispoñible para toda a cidadanía.
Con Gaio xa son 25 as apps dispoñibles no catálogo de servizos en mobilidade da Xunta de Galicia e que abranguen servizos para demandantes de emprego (Mobem); para o ámbito educativo (abalarMóbil); para a mocidade (Carné Xove); relacionadas coa meteoroloxía (Meteogalicia, MeteoRoute); coa pesca (Non piques-Non peques); co turismo (Enoturismo, Sendegal, Turismo de Galicia, Bono Iacobus, Camiño de Santiago); coa prevención da violencia de xénero (escAPP) ou coas TIC na empresa (aplicación do Centro Demostrador TIC, CDTIC), entre outras.
Con GAIO xa son 25 as apps do catálogo de servizos en mobilidadeDesde que se puxo a disposición da cidadanía hai dez meses, o servizo de tradución Gaio rexistrou 3,2 millóns de consultas, que supuxeron a tradución de preto de 190 millóns de palabras.
Desde setembro recibiu máis de 1 millón de visitas que puideron acceder á tradución directa e inversa de textos e de webs en galego, castelán, portugués, inglés, francés e catalán etc.
O servizo inclúe unha personalización de máis de 16.000 termos entre topónimos galegos, terminoloxía específica da administración, nomenclatura vinculada ás corporacións de todos os concellos, consellerías etc.
Gaio está accesible desde o Portal da Lingua Galega, que conta cun eficaz buscador que permite localizar os contidos de interese, así como con filtros que facilitan a selección dos recursos axeitados ás necesidades de cadaquén entre a ampla oferta con que conta este espazo web.
Ningún comentario:
Publicar un comentario