Case o 60% dos galegos lee prensa dixital, rozando xa o impacto da radio e aumentando a vantaxe sobre a prensa en papel (41%). Nos diarios tradicionais, destaca o retroceso da prensa madrileña e, en menor media, de La Voz. Detalles da última onda do Estudio General de Medios (EGM) no interior.
A última vaga do EGM confirma que a prensa en papel continúa unha tímida recuperación. No estudio comprendido entre outubro de 2015 e maio de 2016, a tendencia xeral é que hai máis audiencia que na vaga de outubro de 2014 e maio de 2015. Con todo, hai importantes excepcións que provocan que o conxunto global de lectores de diarios en papel siga caendo. A prensa madrileña continúa de capa caída e La Voz retrocede posicións.Con todo, o diario herculino mantén unha gran avantaxa sobre o segundo clasificado. O EGM dálle a La Voz de Galicia 574.000 lectores, un 7% menos que hai un ano. En 2012, xa con tres anos de crise económica ás costas, andaba nos 638.000. Polo tanto, o xornal de Santiago Rey Fernández Latorre perdeu máis do 10% da súa audiencia nos últimos tres exercicios.
Segunda posición para Faro de Vigo, con 266.000 lectores. Isto supón un importante subidón respecto a onda de hai un ano, 11.000 lectores máis. Dende hai tres anos a cabeceira do Grupo Prensa Ibérica deixouse o 4% dos seus lectores, unha cifra negativa pero asemade unha das mellores do sector. O seu compañeiro no ‘grupo Moll’, La Opinión de A Coruña, anda polos 35.000 lectores. Son 1.000 mais que hai un ano pero 10.000 menos que hai tres, un 23% menos.
No Grupo Progreso as cifras son ambivalentes. El Progreso de Lugo cae até os 97.000 lectores, un 4% respecto a vaga de marzo de 2016. Con todo, en termos interanuais sube 4.000 lectores e dende hai tres anos acumula un aumento de 10.000 lectores (14% máis), algo moi pouco frecuente nun sector que só comezou a repuntar moi recentemente. As noticias negativas apórtaas Diario de Pontevedra, onde houbo tamén máis recortes de cadro de persoal. Esta cabeceira anda polos 39.000 lectores, que son un 17% menos que hai un ano e un 26% menos que hai tres anos.
Boas cifras para o Grupo La Región. A cabeceira de Ourense mantense líder na provincia con 85.000 lectores, 5.000 máis que hai un ano e a penas 2.000 menos que hai tres. O seu compañeiro Atlántico Diario tamén parece confirmar que tocou fondo e rebota até os 16.000 lectores, 3.000 máis que fai un ano e os mesmos que tiña hai tres.
En Santiago, El Correo Gallego -aínda lastrado polo seu eterno ERE- paraliza a súa feble recuperación. Repite nesta vaga cos 65.000 lectores, que son 12.000 máis cando tocou fondo hai un ano con 53.000 (22% máis). Con todo, estes 65.000 son os mesmos que hai tres meses e un 16% menos que hai tres anos.
A situación no Grupo La Capital segue a ser complicada no económico e tamén nas cifras de audiencia. A cabeceira orixinal, El Ideal Gallego, chega a uns 16.000 coruñeses, que é o 51% do público de hai tres anos e un 17% menos que hai un ano. As cabeceiras máis pequenas presentan cifras que permiten algo de optimismo respecto a anterior vaga, na que camiñaban cara a irrelevancia. Diario de Arousa pasa de 4.000 a 9.000 lectores e Diario de Ferrol de 9.000 a 15.000 respecto a anterior onda. Con todo, hai que ter en conta que a cabeceira departamental deixouse en tres anos o 55% do seu mercado, mentres que a arousana conseguía aumentalo nun 11%.
Para as edicións galegas da prensa da capital do Estado todo son noticias negativas. El Mundo perde 17.000 lectores dende hai un ano, El País 14.000 e ABC 5.000. Nin as eleccións xerais conseguiron animalas, pois dende hai tres meses caeron respectivamente un 2,5, 4,7 e 20%. Os datos dende hai tres anos son máis preocupantes aínda. O descenso para El País é do 61% -cómpre lembrar que neste tempo pechou a súa edición galega-, para El Mundo do 45% e para o ABC do 15%. As cifras de La Razón en Galicia son tan pequenas (só uns 4.000 exemplares) que o aumento do 33% en termos interanuais palidece ante a caída dende hai tres exercicios, do 50%.
En conclusión, pódese deducir que os galegos que mercaban varios diarios na época de bonanza -por exemplo bares e restaurantes- e logo coa recesión tiveron que recurtar, prescindiron en primeiro lugar da prensa foránea. Cabeceiras madrileñas que seguen perdendo peso, mentres que moitas dos xornais do país parece que queren repuntar. Unha tendencia que as eleccións galegas de outono debería, en teoría, exacerbar.
O EGM, realizado mediante enquisa, aporta unha valoración global sobre a evolución do conxunto de soportes. A prensa en internet (189.000 seguidores máis que hai un ano) e a publicidade en exteriores (326.000 máis, sobre todo gracias a cartelería das campañas electorais) lideran unha recuperación na que tamén participan, pero en moita menor medida, o cine (21.000 oíntes) e os suplementos (6.000 lectores). Polo contrario, o conxunto da prensa (incluído os deportivos) cae 11.000 lectores e a radio perde 52.000 oíntes.
Ante o máis previsíbel é que Internet pronto sexa o segundo medio máis consumido en Galicia, superando á radio como hai tempo que fixo coa prensa en papel. Moi lonxe das cifras en todo caso da televisión, rei indiscutíbel cunha cota de alcance que ronda o 90%.
Nos vindeiros días GC debullará os resultados para as diferentes emisoras de radio
Ningún comentario:
Publicar un comentario