O pasado ano emigraron 25.000 persoas dende Galicia, segundo o INEOs fluxos migratorios presentados polo INE indican que o pasado ano marcharon de territorio galego un total de 24.935 persoas, mil máis que un ano antes. Ao contrario do que sucedera en 2014, cando a emigración galega descendera tanto cara a outros puntos do Estado como ao resto do mundo, desta volta increméntanse ambas. Así e todo, as migracións a outras autonomías seguen sendo as maioritarias: ese foi o camiño de case 15.000 persoas, en boa medida optan por Madrid -case 4.000 delas-, segundo a estatística. Mentres, algo menos de 10.000 marcharon ao estranxeiro.
Case 5.000 emigrantes de 2015 ao estranxeiro tiñan entre 20 e 39 anosAlén dos lugares comúns do debate político, as cifras revelan que, entre as 9.989 persoas que, segundo as bases de datos oficiais, marcharon de Galicia a outros estados durante o ano 2015, unha parte moi relevante, case 5.000, eran xente na cerna do seu período potencialmente laboral, entre 20 e 39 anos. A este sector da emigración con orixe en territorio galego únense as persoas de entre cero e 19 anos que deixaron o país, practicamente 1.400 nun ano, o que deixa a suma por riba das devanditas 6.000 menores de 40 anos que emigran nun só ano.
Esta cifra está na liña da maioría dos anos da crise, aínda que é inferior á do peor ano para este indicador, o 2013. Neses doce meses emigraron de Galicia case 8.000 persoas nesa franxa de idade. No entanto a emigración no sector máis mozo da poboación galega si é superior á de 2014 e tamén está notable por riba do ano considerado como o do inicio da crise, o 2008, cando marcharan algo menos de 5.000 persoas menores de 40 anos.
Unhas 2.000 persoas de orixe sudamericana abandonaron Galicia durante o pasado anoUn dos elementos máis significativos á hora de analizar as orixes económicas da crise é o volume de poboación estranxeira que deixou o territorio galego, en boa medida para regresaren aos seus países de orixe tras anos traballando en Galicia. Así, por exemplo, das case 10.000 persoas emigradas ao estranxeiro en 2015, en torno á metade tiñan nacionalidade diferente da española, mentres que o resto eran orixinarias doutros puntos do mundo. Entre elas destacan, como durante toda a crise, as persoas de orixe sudamericana, case 2.000 das cales fixeron a maleta o pasado ano. Esta cifra é, non obstante, menor que a dos anos anteriores, cando chegaron a deixar Galicia case 3.000 persoas nadas en Sudamérica nun só ano.
O saldo migratorio co resto do Estado seguiu sendo negativoTodos estes indicadores conforman unha diferenza entre emigracións e inmigracións que amosan como Galicia segue perdendo poboación pola vía migratoria. Mentres que o saldo migratorio co resto do mundo deixou de ser negativo en 2015, con 163 inmigrantes máis que emigrantes, a diferenza co resto do Estado segue lonxe do signo positivo. Desta volta, as persoas que foron vivir a outra comunidade autónoma foron 1.800 máis que as que pasaron de residir noutro punto do Estado español a facelo en Galicia. A agregación de ambos saldos dá como resultado que durante o pasado ano marcharon de Galicia 1.700 persoas máis das que comezaron a vivir no país, o que provoca que o saldo total sexa negativo por terceiro ano consecutivo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario