Na recente conferencia Digital Festival 2016 organizada en Bruxelas polo Forum Europe, o comisario europeo de Educación, Cultura e Deportes, Tibor Navracsics, mencionou o proxecto educativo ICT-Go-Girls! no que colabora a USC como un exemplo destacado no fomento das vocacións tecnolóxicas entre as chicas.
ICT-Go-Girls! Promoting Entrepreneurship Among Secondary School Girls through ICT é un innovador proxecto Comenius Multilateral dirixido pola área de e-learning do CESGA
e no que participou o Grupo de Investigación en Tecnoloxía Educativa da
USC xunto con outras cinco institucións europeas: Die Berater e
Universidade do Danubio (Austria), Fraunhoffer IAO (Alemaña), Spoleczna
Akademia Nauk (Polonia), e CVO Antwerpen (Bélgica).
O equipo da USC liderado polas profesoras Beatriz Cebreiro e Carmen F. Morante
desenvolveu unha metodoloxía educativa para levar a cabo nas aulas dos
primeiros anos de educación secundaria que permite traballar de xeito
máis motivador as TIC e lograr un maior interese e coñecemento na
elección de carreiras tecnolóxicas por parte das alumnas de secundaria. Como
ferramenta fundamental para o desenvolvemento desta metodoloxía, o
CESGA deseñou e implementou unha contorna virtual social baseado en
software libre a través da cal se testou a proposta. Ambos recursos
están dispoñibles no web do proxecto.
A USC e o Cesga continúan promocionando e participando en accións
para motivar a elección de carreiras tecnolóxicas entre as máis novas.
Entre outras actividades figura a organización anual do evento ‘Girls
in ICT’ en colaboración coa Secretaría Xeral de Igualdade e o CPEIG ou a recente proposta ‘Unha enxeñeira ou científica en cada cole’ en colaboración co Concello de Santiago.
Ningún comentario:
Publicar un comentario