Así o acordou o plenario da Real Academia Galega de Belas Artes.
A pintora viveirense Maruxa Mallo vai ser a homenaxeada no Día das Artes Galegas 2017. Así o acordou o plenario da Real Academia Galega de Belas Artes que este sábado se reuniu na Coruña. Segundo puido coñecer Sermos Galiza, os integrantes do pleno decidiron por maioría que fose Mallo a quen se lle adicase o día que pro vez primeira se celebrou este ano, 2016, e que estivo centrado en Castelao. A pintora viveirense collerá o relevo do escritor, político e artista rianxeiro.Sobre a mesa había varias propostas para ser homenaxeadas: os pintores Carlos Maside (proposto pola Asociación de Amigos Carlos Maside), Laxeiro (proposto pola Fundación Laxeiro), Maruja Mallo(proposta pola Galería 30), o escultor Antón Faílde e os músicos Pascual Veiga, compositor da partitura do Himno galego, (proposto pola Real Academia Galega) e Jesús Val i Gay (proposto polo Consello da Cultura Galega). Nestas semanas, en diferentes reunións, foron desbotándose nomes e finalmente srá Maruxa Mallo a homenaxeada.
Artista excepcional
Maruxa Mallo veu ao mundo en Viveiro, en 1902, co nome de Ana María Gómez González e no seo dunha familia de boa posición. Xa moza trasladouse a Madrid, onde mantivo relación con artistas, escritores e cineastas como Salvador Dalí, Federico García Lorca, Margarita Manso, Luis Buñuel, María Zambrano e Rafael Alberti. Durantea década de 1920 traballou para numerosas publicacións literarias e realizou portadas de varios libros, así como exposicións.
Grazas a unha bolsa da Xunta de Ampliación de Estudos viaxou a París en 1932, onde entrou en contacto co surrealismo (coñeceu Max Ernst, René Magritte, Joan Miró Giorgio de Chirico e outros), e participou en parladoiros con André Breton e Paul Éluard. A súa pintura cambiou radicalmente, influenciada polo surrealismo.
O golpe de estado de 1936 sorpendeuna en Galiza e tivo que refurxiarse na casa dun familiar, onde estivo agochada varios meses. O seu compromiso coa II República facíalle temer que podía ser albo da represión que inzaba Galiza. En 1937 conseguiu pasar a Portugal e de alí viaxar a América. Pasou o exilio en Arxentina e Estados Unidos. Finou en Madrid en 1995. María Zambrano dixo dela: "Cometeu un dos erros máis destrutivos e imperdonábeis: ser libre".
Ningún comentario:
Publicar un comentario