xoves, 7 de xullo de 2016

Xa temos aplicación para compartir queixas e parabéns arredor do uso da lingua: A Liña do Galego

A partir de agora teremos máis comunidade e máis tecnoloxía para visualizar os apoios ao galego e tamén as (por desgraza moitas) discriminacións á lingua. Así nolo fixeron saber hoxe os coordinadores de A Mesa pola Normalización Lingüística, no Espazo Enocultural Vide Vide! de Santiago, lugar elixido para a presentación da aplicación A Liña do Galego para dispositivos con sistemas Android e iOS, un servizo da Mesa que complementa (tecnolóxica e socialmente) o número telefónico habilitado (902 106 474) para semellante finalidade: a finalidade de darmos conta de quen non respecta (administracións, entidades, empresas, organismos) a lingua e, no outro extremo, quen contribúe a salvagardala e normalizala.
Segundo fixo saber na presentación o presidente da Mesa, Marcos Maceira, a aplicación introducirá un factor importante de eficacia no servizo e, de feito, fará que os apoios e os ataques acaden máis e mellor visualización. En consecuencia, engadiu, incrementarase a eficacia á hora de actuar, tanto dende A Mesa (amosando o posíbel problema e iniciando os procedementos oportunos de resposta) como dende as propias institucións e empresas que son obxecto de queixas (co fin de emendar a súa liña de actividade discriminatoria).
A aplicación, en palabras de Maceira, ten como finalidade “acelerar e facilitar o proceso de envío de queixas, parabéns e consultas enviadas á Liña do Galego”, servizo que a Mesa Pola Normalización Lingüística vén ofrecendo desde hai case unha década. A raizame deste desenvolvemento está pois na longa listaxe de ataques contra a lingua que “temos que sufrir os cidadáns galegos”, que temos un idioma propio que cómpre normalizar e respectar e que vemos como non só empresas senón tamén entidades, administracións e corpos públicos do Estado incumpren de maneira sistemática.
A idea, polo tanto, é darlle a esta liña de actividade un arroupe extra nos planos social e tecnolóxico. “Por iso quixemos dar un chimpo e adaptar o servizo aos móbiles”, comentou Maceira, que debullou o potencial da ferramenta amosando uns cantos exemplos de posíbel uso, tanto en positivo (cando queremos salientar que un restaurante ofrece comunicación e información en galego aos clientes, cando unha operadora de telecomunicacións nos atende na nosa lingua) como en negativo (cando un axente policial nos esixe que non lle falemos en galego, cando un concello non contribúe á normalización nos seus comunicados, cando unha entidade usa topónimos deturpados, etc).
O presidente da Mesa lembrou tamén que para o deseño, desenvolvemento e posta en marcha desta aplicación non se contou con apoio institucional, “só o respaldo dalgúns concellos, poucos, que colaboran decote connosco neste tipo de experiencias”. Tamén recordou que a ferramenta non sería posíbel sen o apoio dos membros e socios da Mesa, “que coas súas achegas fixeron realidade o lanzamento deste servizo”.
Asemade, salientou a colaboración do Espazo Enocultural Vide Vide! (“un exemplo de normalización”, dixo) e máis da empresa local Imaxin, que foi a responsábel de dar forma ao novo aplicativo móbil. Para dala a coñecer nos seus aspectos máis técnicos participou na presentación Luz Castro, directora da área de desenvolvemento de xogos educativos e produtos multimedia de Imaxin. Castro comezou a súa intervención lembrando que a ferramenta está dispoñíbel para Android e iOS, abordando a continuación o funcionamento da mesma e de como darmos conta perante a comunidade de posíbeis casos concretos de apoio ou discriminación. Recordou que inclúe funcionalidades de xeolocalización, que podemos anexar fotografías dos emprazamentos valorados e que tamén incorpora unha sección informativa de novas que nos servirá de apoio comunicativo con respecto aos usuarios e á Mesa.

Ningún comentario:

Publicar un comentario