Un verán máis, o campus de Vigo convértese no escenario para o
bautismo científico de máis dun cento de rapaces e rapazas de 4º de ESO e
1º de Bacharelato de toda España que participan no Campus Científico de Verán de Campus do Mar.
Repartidos en catro quendas dunha semana de duración, este luns aterrou
en Vigo o primeiro dos grupos, con 32 estudantes, que foron recibidos
polo reitor da Universidade, Salustiano Mato e polo director do Campus do Mar, Emilio Fernández.
O obxectivo deste campamento estival é potenciar o interese de
estudantes pola ciencia e a innovación. Cada luns de xullo chegará a
Vigo un novo grupo de estudantes de secundaria que repartirán o seu
tempo entre os laboratorios do campus, a Ecimat e a ría
de Vigo, xa que moitas das actividades de recollida de mostras terán
lugar en diferentes puntos da costa e a bordo das embarcacións para
investigación mariña coas que conta a Universidade de Vigo.
Dos 118 participantes do Campus Científico de Verán, Andalucía é a procedencia máis numerosa (30), seguida de Castela León e Madrid (18). Así, chegarán a Vigo
rapaces e rapazas de 15 comunidades autónomas, todas excepto Navarra e A
Rioxa. A característica máis destacada dos participantes son as súas
excelentes cualificacións, xa que como explican dende a organización
“todos e todas teñen unha nota media de expediente superior a 9,4 e varios deles cun 10”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario