xoves, 7 de febreiro de 2013

Resposta contundente do estudantado contra a LOMCE e a Xunta di que se deixan enganar

Ducias de milleiros de estudantes nas rúas, apoiados por docentes e familiares, e a Xunta limítase a sinalar que están "confundidos e enganados". Unha maré percorreu centros de ensino secundario e universidades para facer fronte á LOMCE, "unha reforma que quer un ensino elitista, restrictivo e españolista".

A folga contra a LOMCE tivo un seguimento do 90% nos centros de ensino secundario e do 70% nas universidades, segundo os datos dos propios sindicatos estudiantís. Unhas cifras que valoran "máis que positivamente pois mostra o rexeitamento do estudantado a unha reforma que atenta contra eles" (Comités) ou ben como "un sinal do que Xunta e Madrid teñen que tomar nota" (Liga Estudantil Universitaria). Para o Sindicato de Estudantes, a outra organización convocante, o paro é un "éxito dos e das estudantes contra a privatización que nos queren impór". AGIR fala de vitória perante unha lei que só procura máis España e mercantilización do ensino.
Os centros de ensino ficaron baleiros, mais as rúas enchéronse nas manifestacións que percorreron Galiza. En cidades como Vigo ou Compostela foron multitudinarias. Mais tamén estiveron nutridas as mobilizacións que se desenvolveron a nivel comarcal. Unha mostra, apuntan os convocantes, de que a Lei da Wertgoña non convence.

"Ensino é un dereito, non un privilexio", "non á privatización", "menos sobres e máis educación" ou "aquí se ve, o estudantado galego en pé" foron algunhas das palabras de orde máis repetidas. Desde os convocantes sinálase que nalgúns centros houbo equipas directivas a intentar evitar as protestas, e mesmo denunciaron a presenza de policía nos Campus universitarios.

Pola reitarada do decreto


As mobilizacións de estudantes contaron co apoio da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público e de organizacións da oposición, como BNG ou AGE. Desde a fronte nacionalista, o seu portavoz Guillerme Vázquez afirmou que “estamos ante un proxecto absolutamente infumábel que debe ser retirado ao baúl dos recordos”. Nese sentido, Guillerme amosou o total apoio do BNG “ás mobilizacións de estudantes ante este intento de impor unha lei de educación regresiva”.
Tamén AGE mostrou o seu rexeitamento a esta reforma, considerando que a resposta desta cuarta feira debe implicar a retirada do decreto.

A Consellería: @s manifestantes, "enganados"


Fronte á masiva mobilización, o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, acusou os convocantes de "enganar" os estudantes e de intentar "confundir". Vázquez tamén acusou os convocantes de non ter vontade de diálogo e reiterou que a folga fora "un erro".












Ningún comentario:

Publicar un comentario