martes, 19 de febreiro de 2013

A CIG entrega ao conselleiro de Educación 10.172 sinaturas de docentes contra a Lomce

A CIG sinala que estes milleiros de sinaturas amosan que o profesorado rexeita unha lei “mercantilista e reaccionaria, recentralizadora e españolizadora, elitista e clasista, agresiva co profesorado, antidemocrática, reforzadora da confesionalidade e contraria ao ensino laico”.
A CIG-Ensino entregou esta segunda feira no Rexistro da Xunta un total de 10.172 sinaturas de docentes recollidas nos centros de ensino, e dirixidas ao conselleiro de Educación. Milleiros de rúbricas coas que o profesorado galego, indican desde a central nacionalista, mostra o seu rexeitamento á Lomce.
O secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, afirmou que a LOMCE é “auténtico cianuro” para o ensino público galego e pediu a súa retirada por tratarse dunha “contrarreforma involucionista e regresiva”.
Para os asinantes, esta lei pretende un sistema educativo cada vez menos equitativo, que pon en xogo o dereito universal á educación, desbotando a igualdade de oportunidades e negando o dereito a ter un ensino público galego científico e laico que teña como función primordial a formación integral e crítica do alumnado e a eliminación das desigualdades sociais.
“É unha lei que responde aos mandatos da patronal do ensino privado concertado e da propia cúpula eclesiástica. Reforza a confesionalidade do sistema educativo e o papel da relixión, que pasa incluso a condicionar os horarios doutras materias”, acrecentan.

Ningún comentario:

Publicar un comentario