O consistorio que dirixe Carlos Negreira di ter a intención de "ocupar parte do tempo de lecer dos nenos e nenas" durante a época estival "a través de todo tipo de actividades motrices, producións plásticas, musicais, teatrais, de expresión oral e escrita... Tendo como principal obxectivo a relación grupal entre as e os participantes e o descubrimento do entorno urbano máis cercano, ademais de darlles resposta ás necesidades das familias unha vez finalizado o curso escolar". Os nenos e nenas con necesidades educativas especiais ou con discapacidade semellan ficar fóra deste obxectivo.
Ata 2011 os campamentos reservaban prazas para menores con discapacidadeBotando a vista atrás esta exclusión non se produciu sempre ou, cando menos, non con tanta rigorosidade. Así, por exemplo, no verán de 2010, o derradeiro ante da chegada do actual goberno do PP ao consistorio, a daquela edil de Servizos Sociais, Silvia Longueira, explicaba as condicións dos campamentos urbanos e explicaba que nestes había "15 prazas reservadas para menores con discapacidade" en dous dos centros cívicos da cidade. Un ano despois, en 2011, co novo goberno local acabado de chegar, o Concello especificaba a súa itnención de "ofertar un total de 24 prazas para menores con discapacidade" sempre e cando o seu grao "non impedise participar nas actividades co grupo, contando cun educador ou educadora de apoio". Eses educadores son, precisamente, os que desapareceron.
Nas escolas infantís municipais
A loita das familias pola inclusión de nenas e nenos con necesidades específicas non se limita só aos devanditos campamentos. En marzo deste mesmo ano a mesma cidadá, "como nai de dous cativos escolarizados nunha escola infantil municipal, un deles unha nena con necesidades educativas específicas", alegaba contra as normas de acceso a estas escolas, que no seu artigo 3.4 sinalaba que "só se admitirá un menor con necesidades específicas de apoio educativo por unidade". "Esta limitación é, de facto, unha absoluta discriminación", advertía, nun contexto no que "non se trata de masificar os pequenos con necesidade de apoio educativo", senón de "garantir a igualdade" no acceso a este tipo de prestacións públicas.As familias reclaman "igualdade" no acceso ás escolas infantís para o alumnado con necesidades educativas especiaisEsta alegación foi respondida pola Concellaría de Educación, que reescribiu o texto sinalando que "ningún menor" con necesidades educativas especiais "e os informes preceptivos favorables á súa escolarización quede sen praza nalgunha das escolas". "Non se pode considerar que a nosa alegación fose aceptada", respondeu nun novo documento remitido ao Concello. "Lonxe disto", a inclusión destes informes "preceptivos" o "único que fai é engadir un novo obstáculo" que "pode garantir o contrario do que se persegue", un "mínimo de igualdade e equidade" para estes nenos e nenas". "A ningún outro neno ou nena se lle esixe ningún informe no que se recomende a súa escolarización, por que a eles si?", pregúntase.
"Non sabemos que informes serían" nin se "só se solicitarían no caso de concorrer" varios destes menores "ás prazas dunha mesma aula" ou se o requisito afecta "a calquera neno ou nena" con necesidades especiais. "Non se solicita un trato de favor, senón igualdade sen condicionamentos de ningún tipo", subliña.
Ningún comentario:
Publicar un comentario