xoves, 22 de maio de 2014

A CIG-ENSINO presenta unha ILP para restituír os dereitos laborais, profesionais e retributivos do profesorado e mellorar a calidade do ensino en Galiza

Responde á vontade de que se produza un cambio de rumbo fundamental para o ensino público galego despois dos recortes levados a cabo polo Partido Popular.


A CIG-Ensino presentou este mércores 21 de maio no Parlamento Galego unha proposición de lei, por iniciativa lexislativa popular, de medidas para restituír os dereitos laborais, profesionais e retributivos do profesorado e mellorar a calidade do ensino en Galiza. A ILP foi rexistrada polos integrantes da Executiva da CIG-Ensino en representación da súa Comisión Promotora.
“Esta ILP responde á vontade de que se produza un cambio de rumbo fundamental para o ensino público galego despois dos recortes levados a cabo polo Partido Popular”, explicou o secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, ás portas do Parlamento galego.  “Está motivada por dúas cuestión fundamentais: restituír os dereitos laborais, profesionais e salariais arrebatados aos docentes, con medidas que incluso foron acompañadas de campañas de desprestixio, e mellorar a calidade do ensino”, engadiu Louzao.
Cinco son os eixos fundamentais que incorpora o texto lexislativo que promove a CIG-Ensino:    -    Elaboración por parte do Goberno galego dunha lei de educación, en función das nosas necesidades e intereses e de acordo coa nosa realidade, que garanta a escolarización gratuíta de 0 a 18 anos e que blinde o ensino como un elemento de cohesión fundamental.
-    Restituír os dereitos laborais e profesionais do profesorado, a través do recoñecemento do seu traballo, a recuperación dos salarios, a creación de emprego, a redución do horario lectivo, o dereito á formación permanente  e á saúde laboral  e un sistema de eleccións sindicais por centro escolar.
-    A defensa do ensino público como garante da igualdade de oportunidades, con medidas concretas que supoñan a mellora da calidade como a  redución das ratios, oferta suficiente de prazas, un plan para reducir o fracaso escolar, a substitución das baixas  de profesorado ou a gratuidade dos libros de texto, entre outras.
-    A recuperación dos servizos complementarios e as actividades extraescolares: o dereito ao comedor escolar, a oferta de actividades extraescolares e unha nova lei do transporte escolar para garantir este dereito en todos os niveis educativos, con dotación de persoal para custodiar o alumnado.
-    Galeguización do ensino e normalización lingüística a través do fomento da lingua galega e galeguización dos contidos educativos, un plan de formación e medidas para garantir a competencia do profesorado na nosa lingua. Isto implica necesariamente a derrogación do Decreto do Plurilingüismo, “que veta –denunciou Louzao- que as Matemáticas e a Bioloxía se poidan impartir na nosa lingua”.  
“A proposición de lei tamén recolle que o Goberno galego estabeleza un plan orzamentario co obxecto de dedicar o 7% do PIB galego á educación”, explicou Anxo Louzao. “A súa aprobación levaría implícita ademais a derrogación de medidas nocivas para o ensino e o mandato de instar o Goberno central para que derrogue a LOMCE”, engadiu Louzao,  quen tamén fixo público o seu desexo de que o PP cambie de actitude e sexa receptivo a esta proposición de lei. Proposición de lei que para o seu debate no Parlamento galego, no caso de ser admitida a trámite, necesitará sumar como mínimo 15.000 sinaturas.
Accede ao texto completo da ILP Ligazón

Ningún comentario:

Publicar un comentario