A Confederación de Anpas Galegas rexeita a Resolución de Educación Dixital
da Xunta pola "súa improvisación" e porque "non supón un avance real"
nas necesidades do ensino público galego. Din que ao non ter en conta a
toda a comunidade educativa é "discriminatoria e clasista".
Por iso, a través dun comunicado solicitan novamente que a Consellería de Educación "planifique e organice" o futuro da educación pública dun "xeito global" para chegar a todas as nosas nenas e nenos "uniforme e equitativamente".
Foi o pasado 30 de abril cando se publicou a "Resolución de Educación
Dixital", unha decisión da Xunta pola que se abre unha convocatoria para
participar nun proxecto experimental de tal nome.
Para as Ampas non é normal que só se lle dea un mes ao profesorado
para elaborar un proxecto docente que implique a todo o curso seguinte.
"É novamente, como todo Abalar, un proxecto que non contempla a
imprescindible formación previa de todo o profesorado, sen esa formación
os proxectos convírtense en voluntaristas, e iso fainos ser
inoperativos a nivel global", denuncia.
O proxecto ofrece tres anos de aplicación. "Pero Un proxecto educativo non pode nacer con data de caducidade, iso é dilapidar fondos públicos",
indican ao tempo que denuncian que se discrimina aos centros e ao
alumnado ao ser voluntaria a súa aplicación. "A administración
educativa, a conselleria, ten que deseñar proxectos que se apliquen
necesariamente en todos os centros de ensino públicos, cunha
planificación temporal, tecnolóxica, laboral e económica clara e
crible", din. "O que non é para todos é discriminatorio e clasista", denuncian.
Finalmente, denuncian que a implantación das TIC en Galicia é "desigual e descordinada"
e critican á consellería por identificar a tecnoloxía co cambio
metodolóxico. "Non é asi, as TIC son unha ferramenta imprescindible,
pero o importante é o cambio de métodos de ensino e aprendizaxe",
conclúen.
Ningún comentario:
Publicar un comentario