luns, 19 de maio de 2014

Reivindicación e cultura: un Día das Letras na busca dun porvir para a lingua

Milleiros de persoas participan nos actos convocados por Queremos Galego por todo o país. Na Coruña a música foi a protagonista, que tivo referencias ao conflito do profesorado Celga, namentres en Santiago enterraron desexos para a lingua que recuperarán en 2050. Masiva afluencia en Vigo, con 3.000 persoas e fortes críticas a Feijóo. 

(Vídeo no interior).

Festa e reivindicación. O Día das Letras Galegas volveu ter o seu mellor escenario nas rúas, onde milleiros de persoas se xuntaron nas mobilizacións convocadas pola plataforma Queremos Galego, nas que se celebrou a lingua propia, pero tamén se denunciou a aqueles que queren afogala.
Porque o futuro pasa pola cultura. A galega. Ese foi a mensaxe central do acto que tivo lugar na Coruña, un dos oito convocados -nas sete cidades e en Foz- aos que se uniron algún máis improvisados fóra do país, por exemplo en Barcelona, e nos que se pediu “un paso adiante” para o idioma propio.
“O teatro central da nosa cidade leva o nome de Rosalía de Castro, aquí foi designado Curros Enríquez como poeta do pobo”, sinalou o cantante Xurxo Souto, que exerceu de mestre de cerimonias da concentración na cidade herculina, diante do recinto mencionado e que reuniu medio milleiro de persoas. Os discursos combativos mesturáronse alí coa música, de diversos estilos, dende o jazz ao rock pasando, por suposto, pola tradicional, onde Moncho do Orzán puxo a bailar a toda a rúa, incluídos turistas que por alí andaban, para que logo digan que o idioma propio resulta unha barreira para @s visitantes.
Xurxo Souto: a Xunta, secuestrada pola galegofobia
Esas visións “provincianas” foron denunciadas desde o micrófono, onde Souto lamentou que a Xunta “estea secuestrada pola galegofobia”, críticas que tamén trasladou ao goberno local de Carlos Negreira, que a poucos metros facía campaña -alleo a toda a significación da data- xunto á vicepresidenta do goberno de Rajoy, Soraya Sáez de Santamaría.
O alcalde da Coruña facía campaña con Soraya Sáez a poucos metros do acto de Queremos Galego, totalmente alleo ao Día das Letras
O recordo a Luísa Villalta ou a referencia ao aniversario bravú tamén atoparon un oco nun acto no que foron especialmente aplaudidas ás mencións ao conflito do profesorado Celga. Un dos afectados polo mesmo participou da lectura do manifesto de Queremos Galego para este Día das Letras,  no que se afirma que “o tempo actual non é propicio para a existencia de Galiza e do seu signo principal, a lingua galega, porque a globalización pretende arrasar con toda diferenza que ouse desafiar a hexemonía do imperial dominante. Non os imos compracer. Non temos a menor vontade de suicidio nin de resignación”.
Tres milleiros de persoas acudiron á manifestación convocada pola plataforma en Vigo, con grande peso reivindicativoe onde estivo a candidata europea do BNG, Ana Miranda, que protestou pola “política lingüicida de Feijóo” e apostou no uso do galego “tamén en Europa”. Centos sumáronse noutras partes do país. Con moitos actos, alén dos culturais adicados á figura de Díaz Castro ou a venta de libros galegos na rúa.
Suso de Toro sinalou que o futuro do galego "pasa por reintegrarse internacionalmente co portugués"
Por suposto, Compostela tamén acolleu unha mobilización masiva, na que participaron sindicalistas como Anxo Louzao, secretario nacional de CIG-Ensino, @s principais líderes de AGE -Senra, Díaz e Beiras, que cualificou a Feijóo como líder “da brigada de demolición da lingua”- e na que falou o presidente da Mesa, Marcos Maceira, que pediu “galego os 365 días do ano”. Especialmente simbólico foi a intervención que organizou a escola Semente nesa mesma cidade, onde se enterrou unha cápsula cos desexos para a lingua de varias persoas, que será recuperada en 2050. Entre os que alí escribiron estaba Suso de Toro, que defendeu que o porvir da lingua propia pasa por “reintegrarse internacionalmente xunto ao portugués”. Tamén participou o ex-presidente da Mesa, Carlos Callón, que lle pediu a Feijóo “respecto” pola cultura do país que preside, en alusión ao ocorrido nun programa de televisión onde o titular do goberno autonómico dixo o que o inexistente 'Poemas Gallegos' era o seu libro preferido de Rosalía, talvez confundíndoo con 'Cantares Gallegos'.
  Vídeo.
Enlaces relacionados:

Ningún comentario:

Publicar un comentario