O segundo día deste xuízo será "o importante" porque a policía deberá especificar con precisión que fixo cada un dos acusados de atentado á autoridade ou alteración da orde públicaNo primeiro día do xuízo, cada un dos acusados declarou ante a maxistrada encargada do caso deixando claro que, na súa opinión, están a ser sometidos a un xuízo político e tras rexeitar que a causa derivada do conflito lingüístico arredor do galego acabe cinguíndose a unha cuestión de "orde pública". Entre os delitos dos que se lles acusa á maioría dos doce mozos acusados están os de atentado á autoridade ou alteración da orde pública. É por iso que a xornada deste xoves é "a importante", xa que será na que os policías que declaren deberán especificar e precisar que fixo presuntamente cada un dos encausados.
"O que parece claroé que ningún de nós vai saír condenado coas penas que solicita a Fiscalía", di Aurélio Lopes"O que parece claro tras a primeira xornada é que ningún de nós vai saír condenado coas penas que solicita a Fiscalía", asegura a Praza Aurélio Lopes, un dos acusados, que asegura que os doce mozos saíron "satisfeitos" tras o primeiro día do xuízo e que lembra que, malia que todos os implicados son acusados de desorde pública e moitos deles de atentado á autoridade, "non hai individualización ningunha dos delictos".
Os feitos datan daquel 8 de febreiro de 2009, en plena precampaña das eleccións autonómicas das que Núñez Feijóo sairía como novo presidente da Xunta e en medio dunha forte campaña da dereita parlamentaria e da extrema dereita extraparlamentaria contra a suposta "imposición do galego" por parte do goberno bipartito.
Lopes define a marcha de Galicia Bilingüe, á que acudiron Alfonso Rueda ou Ana Pastor, como "a do odio""Houbo dúas manifestacións: unha en defensa do galego e outra contra a política de normalización. E atopáronse naquel paso de peóns de Porta Faxeira... A virulencia, a represión e o proceso xurídico foi só contra as persoas que estaban dun lado, do lado do galego", lembra Aurélio Lopes. Alí houbo incidentes. E da parte da manifestación de Galicia Bilingüe saíron insultos, algunha agresión e ameazas de morte. "Houbo quen chegou a saír nalgún medio como vítima, para logo descubrirse despois que era falanxista e que foi condenado", engade un dos encausados, que advirte de que "non houbo causa xeral ningunha" contra unha marcha que el define coma a "do odio". "Chegou a vir xente de fóra, cando en teoría era unha manifestación de galegos contra a política lingüística da Xunta", di. "Quedaron retratados como un movemento extremista, que foi utilizado polo PP e por aquela estratexia das FAES e que, incluso agora, está en contra da Xunta e desta dereita que se lles queda curta", asegura.
Aurélio Lopes repara tamén no feito de que, "agora que as manifestacións en Twitter parecen tan importantes", nada se fixera daquela contra as ameazas de morte vertidas naquela marcha de Galicia Bilingüe á que asistiron cargos públicos como o agora vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, ou a ministra de Fomento, Ana Pastor. Tamén estaba Rosa Díez, líder de UPyD.
A manifestación foi pouco antes das autonómicas de 2009; o primeiro intento de xuízo, antes doutras eleccións; e o xuízo final, antes das europeas"Aquí o PP utilizou a Galicia Bilingüe, pero nas Balears ou na Comunitat Valenciana empregaron outros colectivos; o PP encirrou e certos de medios de comunicación tamén o fixeron... Visto o paso do tempo, demostrouse que para nada aquela visión estaba no carril central da política", insiste Aurélio Lopes, que advirte tamén da "terceira casualidade" que supón este xuízo. Aquela polémica manifestación chegara pouco antes das eleccións autonómicas de 2009, o primeiro intento de xulgamento chegou antes das últimas autonómicas e as xornadas deste xuízo chegan, agora, na semana anterior aos comicios europeos. "Como procesado, creo que non é casual... E se o é, é unha casualidade moi repetida", ironiza.
Os procesados recibiron o apoio de BNG, CIG, Candidatura do Povo, AGE, Compromiso por Galicia, Causa Galiza, Nós-UP, CUT, A Mesa, Prolingua, Liga Estudantil, AGIR, Isca e unha morea de colectivos culturais ou a prol da lingua. E incluso houbo quen, sen estar presente nas mobilizacións ante os xulgados, chamou a algúns dos encausados para amosarlles tamén ese apoio.
"Teríame gustado de que o conxunto das forzas políticas do Parlamento tiveran dado o seu apoio ou que o PSdeG se tivese mollado máis, pero estamos satisfeitos cos apoios recibidos", remata Lopes, que cre que, máis aló de cuestións xurídicas, é maioría a xente que é consciente do "activismo político e social" dos encausados.
Ningún comentario:
Publicar un comentario