A CIG-Ensino exixe o cese no acoso ao colectivo do profesorado que, malia formar parte das listaxes de profesorado colaborador e de ter realizado os cursos de avaliador/a, é castigado sen a posibilidade de impartir cursos e agora de avaliar.
A CIG-Ensino dirixiuse á Secretaría Xeral
de Política Lingüística, mediante dous escritos do 8 e do 27 de abril,
unha vez que se lle impediu ao profesorado colaborador continuar a
impartir os cursos Celga e os de Linguaxe administrativa, para coñecer
os criterios e os procedementos que estaba seguindo para seleccionar o
profesorado que imparte os cursos de preparación dos Celga e de
linguaxes específicas, así como para seleccionar o profesorado
avaliador.
No escrito remitido polo secretario nacional de CIG-Ensino,
Anxo Louzao, o día 30 de abril, comunicábaselle ao secretario xeral de
Política Lingüística o seguinte: “É totalmente inxustificábel e
inaceptábel que a Secretaría Xeral continúe empeñada en apartar e
despedir o profesorado que até agora impartía e/ou avaliaba os cursos
Celga e as linguaxes específicas, e procure a súa substitución con
profesorado en activo.Non se pode admitir que a Secretaría Xeral
continúe instalada na opacidade e no clientelismo á hora de proceder e
de seleccionar o persoal. Hoxe por hoxe, continuamos sen coñecer cales
son os criterios, máis alá dos “dedocráticos”, utilizados para
seleccionar o profesorado que está impartindo os cursos preparatorios
Celga e o profesorado que vai impartir os de linguaxes específicas. A
CIG-Ensino exixe o cese destas prácticas caciquís na actuación da
Secretaría Xeral e no acoso ao colectivo do profesorado que, malia
formar parte das listaxes de profesorado colaborador e de ter realizado
os cursos de avaliador/a, é castigado sen a posibilidade de impartir
cursos e agora de avaliar.Até o día de hoxe non recibimos ningunha
contestación, mais temos coñecemento de que a Secretaría Xeral de
Política Lingüística continúa coas prácticas clientelares para buscar
profesorado para impartir os diferentes cursos e para avaliar os exames a
conta de despedir o profesorado Celga.
Ningún comentario:
Publicar un comentario