martes, 27 de maio de 2014

A CIG-Ensino denuncia que Educación impide o ensino en galego nos ciclos de FP a distancia

A Consellaría Educación copia e obriga a estudar contidos doutras Comunidades mentres priva o alumnado galego de coñecer a nosa realidade.

A CIG-Ensino xa denunciara no final do primeiro trimestre deste curso que a Consellaría de Educación impedía o ensino en galego nos ciclos de FP a distancia. Pois ben, a Consellaría de Educación, no canto de corrixir a situación, mantén ciclos enteiros sen materiais en galego o que supón unha conculcación da Lei de Normalización Lingüística e do mesmo Decreto 79/2010 que recolle no artigo 9, en que se regula o uso do galego na FP, que se establecerá unha oferta equilibrada de materias e módulos en galego e castelán que garanta que o alumnado adquira competencias nas dúas linguas e engade que deberán coñecer, en todos os módulos, o vocabulario específico nas dúas linguas.
Ademais a exclusión da nosa realidade acada tamén os contidos dos materiais, até chegarmos á aberración de que en probas realizadas en Galiza o alumnado teña que coñecer o contido do Estatuto de Autonomía de Andalucía, pois é sobre esta comunidade e este estatuto sobre o que se lle realiza unha pregunta, que ten que ver coa normativa de consumo naquel territorio.
A CIG-Ensino vén reclamando reiteradamente tanto na Mesa Sectorial, como no Consello Escolar de Galiza que nos currículos dos ciclos formativos se recolla que módulos deberán ser impartidos en galego, como única medida efectiva para garantir a presenza do noso idioma na FP, e para dar  cumprimento ao recollido no Decreto 79/2010. Mais a Consellaría de Educación négase sistematicamente.
Esta situación pon de relevo o abandono do ensino da FP que perpetra este goberno da Xunta, que  se limita a reproducir materiais doutras comunidades que xa nin sequera traduce, mostra da alarmante falta de respecto ao noso alumnado e á Comunidade educativa galega, así como de desprezo pola nosa lexislación propia.
Desde a CIG-Ensino denunciamos unha vez máis que esta actitude de Educación non é produto simplemente dunha política austericida de recortes indiscriminados, senón dunha fobia patolóxica contra a nosa identidade e contra a nosa lingua que se evidencia nun abandono que acaba por nos devolver este esperpento de ter que coñecer a normativa andaluza e non a galega.
Unha fobia patolóxica que se concreta na negación sistemática a recoller o que a lexislación que eles mesmos redactaron estipula. Así cando se tratan os currículos dos distintos ciclos de FP, en que a Consellaría se nega a facer cumprir a cativa lexislación existente e impide que se recolla que materias deses ciclos deberán ser impartidas no noso idioma, e isto desde unha actitude de belixerante desprezo que se reitera unha e outra vez en cada mesa de negociación.

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario