Unha delegación composta polo seu
presidente, Marcos Maceira, e o seu Coordinador de Zonas, Paulo
Filgueiras, tratou a situación do galego neste encontro internacional e
denunciou a política galegófoba de Feixó.
Marcos Maceira: "A igualdade entre os pobos de Europa non é
posíbel sen a igualdade entre as linguas de Europa". " Feixó e o Raxoi
deben cumprir co sinalado pola Carta Europea das Linguas Rexionais ou
Minorizadas, ratificada polo Estado español".
Unha delegación da Mesa pola Normalización Lingüística composta polo
seu presidente Marcos Maceira e o seu Coordinador de Zonas Paulo
Filgueiras, participou en València no encontro da European Language
Equality Network (ELEN).
Maceira sinalou "a importancia deste encontro para internacionalizar a
loita contra a política de odio á nosa lingua que está a
institucionalizar o presidente Feixó, nunha liña contraria non só ao
marco legal galego, senón mesmo o Europeo establecido na Carta Europea
das Linguas minorizadas" que, lembrou, é de obrigado cumprimento. Neste
encontro europeo, A Mesa pola Normalización Lingüística presentou un
informe sobre a situación da lingua galega, e denunciou os retrocesos
para o galego nos diferentes ámbitos, nomeadamente o do ensino.
A Rede Europea para a Igualdade das Linguas (ELEN) aprobou a
Declaración de València, na que apela" á construción posíbel dunha
Europa democrática, multilingüe, que respecte a aspiración dos pobos a
viviren nos seus idiomas e culturas diversas, en diálogo e solidariedade
mutua", e fai un chamado aos e ás eurodepatudas electas e aos Estados
"ao respecto total dos principios universais que fundan a humanidade,
para todas as persoas, sen distinción de lingua ou de pertenza a unha
nación minorizada ou minoritária".
Esta rede da que a Mesa pola Normalización Lingüística fai parte
representa 42 comunidades lingüísticas de 23 Estados europeos. O seu
traballo concéntrase na promoción e protección das linguas e comunidades
lingüísticas minorizadas de Europa así como na súa revitalización, e
ten carácter de organismo consultivo do Parlamento Europeo,do Consello
de Europa, das Nacións Unidas e da UNESCO. Forma parte ademais da
Plataforma de ONG da Comisión Europea para Multilingüismo, a Plataforma
de ONG para Cultura, a Plataforma de ONG para a Axencia de Dereitos
Fundamentais da UE, e do Consello Económico e Social da ONU.
Declaración de València das organizacións de ELEN (Rede Europea pola Igualdade das Linguas).
24 de maio de 2014
Construírmos unha Unión Europea do multilingüismo, onde todas as linguas se respecten por igual
1) A Unión Europea construíuse co alicerce dos estados que guerrearon durante moito tempo por aseguraren a súa dominación.
2) Os países europeos quixeron estender a súa dominación polo
mundo co imperialismo e a colonización, con xenocidios, escravitude,
tráfico negreiro e numerosos crimes contra a humanidade.
3) A Unión Europea fúndase nos valores da democracia e dos
dereitos humanos, e comprende os dereitos das persoas que pertencen ás
minorías (artigo 2 dos tratados).
Estes valores de respecto á dignidade humana, a liberdade, a
igualdade, o estado de dereito, non poden aplicarse unicamente en
beneficio das persoas que pertencen ás maiorías dominantes. Débense
aplicar a toda a cidadanía, e en particular aos que pertencen a grupos
ou pobos minorizados ou minoritarios que posúan as súas propias linguas,
e que expresen as súas propias culturas no seo da Unión Europea.
4) No momento en que se desenvolven as eleccións ao Parlamento
europeo, as ONG reunidas en ELEN, Rede Europea pola Igualdade das
Linguas, apelan a todos os deputados, todas as deputadas e todos os
Estados ao respecto total dos principios universais que fundan a
humanidade, para todas as persoas, sen distinción de lingua ou de
pertenza a unha nación minorizada ou minoritaria.
5) As ONG reunidas en ELEN denuncian en particular o grave
risco de se repregaren sobre si mesmos os Estados-nación que estiveron
na orixe de guerras fratricidas entre os pobos, do imperialismo, do
colonialismo e de xenocidios inaceptábeis.
6) Denuncian os etnocidios que tamén estes Estados perpetraron,
isto é, a destrución organizada polos sistemas dominantes das linguas e
das culturas dominadas, co obxectivo da unificación dos Estados.
7) Apelan á construción posíbel dunha Europa democrática,
multilingüe, que respecte a aspiración dos pobos a viviren nos seus
idiomas e culturas diversas, en diálogo e solidariedade mutua.
8) Afirman a súa vontade, máis decidida que nunca, de
traballaren colectivamente por un mundo que se funde nos principios de
respecto e de solidariedade entre todos os pobos, no traballo a carón da
xente e en estreita relación coas organizacións internacionais que
teñen ao seu cargo o futuro do planeta. Apelan a todas as boas vontades a
se encontraren nesa dirección.
Ningún comentario:
Publicar un comentario