Pasou xa máis dun mes desde que rematou o prazo para presentar alegacións ao borrador de instrucións da flexibilidade e teletraballo, que na práctica xa están aplicando as diferentes consellarías.
En todo este tempo só tivemos como
novidades oficiais os datos de denegación da flexibilidade (a principios
de abril) e máis a organización dun congreso internacional de conciliación da vida persoal, familiar e laboral onde a Xunta sacou peito en temas de conciliación.
Resulta especialmente gravoso, e así llo
comentamos ao director de Función Pública, que a Administración estea
incumprindo a lei: por un lado a de igualdade no tema da conciliación familiar e por outro a de procedemento administrativo,
ao non resolver e comunicar as denegacións ou ao cambiar o sentido do
silencio cunha resolución a posteriori. Teñen a obriga de resolver e
teñen que executar o sentido do silencio positivo no caso da
flexibilidade familiar e teletraballo e demandámoslle que non deixen ás
persoas en situación de indefensión.
A realidade é que xa estamos vendo unha
aplicación de feito das instrucións de flexibilidade e teletraballo
desde o momento que nos achegaran o borrador e a Administración tiña
claro por onde ía tirar. Foi entón cando comezaron a desatascar moitas
solicitudes de flexibilidade familiar e as de teletraballo.
Os exiguos datos e ocultación das denegacións
Nos últimos datos achegados por Función
Pública (de comezos de mes de abril) denegan con carácter xeral as
flexibilidades automáticas de todo horario especial, de quendas e máis
cando a xente se nega a coller as chaves, ademais duns 4 casos nos que a
xefatura territorial esixe presenza antes das 9:00h. Achegan unha
listaxe de 26 denegacións de solicitude de flexibilidade automática,
todas servizos periféricos (9 Ourense, 8 A Coruña, 5 Pontevedra, 3
Ferrol, 1 Vigo). Insistimos nas alegacións presentadas ás instrucións
con relación a estes temas: 1)hai que mirar cada horario especial, non
se pode denegar con carácter xeral e 2) non se pode cargar
exclusivamente a responsabilidade de abrir ou pechar o centro sobre cada
persoal traballador que queira flexibilizar o seu horario.
Non hai máis: nin denegacións de
solicitudes de flexibilidade familiar, nin denegación de teletraballo, a
pesar de que nos consta que as está habendo. Pola contra, da nota de
prensa da Xunta podemos sacar 2 datos novos: aprobáronse 5.539 peticións
de flexibilidade horaria, ben sexa na súa modalidade automática ou por
conciliación e 28 solicitudes de teletraballo.
E este é todo o apoio á familia que
tanto cacarexa o partido que goberna a Xunta e así é como o aplica de
portas para adentro: nin sequera é capaz de respectar a lei de igualdade
na conciliación familiar e está denegando o teletraballo en casos nos
que podería ser aplicable, deixando a súa aplicación nalgo realmente
residual sobre os 2000 potenciais postos de traballo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario