A MNL participa na European Language Equality Network (ELEN) que vai ter lugar en Valencia esta sexta feira e sábado, reunindo a 41 organizacións do continente.
A situación do galego vai ser exposta estes días en Valencia ante representantes de 42 comunidades lingüísticas de 23 estados europeos. Será de man da Mesa pola Normalización Lingüística e no marco da xuntanza da European Language Equality Network (ELEN) que vai decorrer en Valencia. Unha delegación da Mesa pola Normalización Lingüística composta polo seu presidente Marcos Maceira e o seu Coordinador de Zonas Paulo Filgueiras, participa neste evento.ELEN creouse en Estrasburgo en 2011, substituindo o antigo Bureau Europeo para Linguas Minorizadas (EBLUL) e actualmente representa 42 comunidades lingüísticas de 23 Estados europeos. O seu traballo concéntrase na promoción e protección das linguas e comunidades lingüística minorizadas de Europa así como na súa revitalización, e ten carácter de organismo consultivo do Parlamento Europeo,do Consello de Europa, das Nacións Unidas e da UNESCO. Forma parte ademais da Plataforma de ONG da Comisión Europea para Multilingüismo, a Plataforma de ONG para Cultura, a Plataforma de ONG para a Axencia de Dereitos Fundamentais da UE, e do Consello Económico e Social da ONU.
A Mesa vai presentar un informe sobre a situación da lingua galega, “denunciando os retrocesos da nosa lingua nos diferentes ámbitos, nomeadamente o do ensino, e inciará o proceso de denuncia perante a UNESCO da discriminación da nosa lingua por parte dos gobernos español e galego, así como os graves incumprimentos da Carta Europea para as Linguas Rexionais e Minorizadas e a Declaración Universal de Dereitos Lingüísticos”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario