venres, 16 de maio de 2014

"No futuro haberá que partir de cero en I+D. Mentres, unha xeración perdida"

A prol da Ciencia Galega e do Galego na Ciencia. No encabezamento da súa web Igaciencia sinala as súas grandes liñas de traballo, centrado na concienciación e na divulgación sobre a importancia da I+D+i no desenvolvemento do país, o achegamento á sociedade da investigación, e o desenvolvemento e a innovación tecnolóxicas. E tamén no impulso do uso normalizado da lingua galega na investigación e nos ámbitos científicos.
Dende hai anos vén organizando numerosas actividades, dirixidas principalmente (pero non só) aos centros de ensino, e con notable éxito. Por exemplo, o Concurso Galego de Robótica, que xa vai pola súa sexta edición, e o Congreso de Software Libre para Educación, que se celebrará en xullo por terceiro ano. Tamén o Día da Ciencia en Galego, o Rally científico e matemático sen fronteiras ou eventos que buscan explorar a relación entre arte e ciencia. Falamos con Manuel Díaz Regueiro, presidente de Igaciencia
Cres que a sociedade ve a ciencia como algo moi afastado da súa vida cotiá, moi difícil de entender ou de manexar, só ao alcance dos expertos? Como se pode mellorar a formación científica da sociedade dende o ensino primario e secundario?
Penso que é mais unha actitude das persoas e grupos que queren ter a chave do coñecemento negándolle esa posibilidade ao pobo, e de aí o poder, que de verdadeira conciencia da sociedade. Cando se suprime no Bacharelato a materia de Ciencias para o mundo contemporáneo, quen a suprime é consciente de que está evitando voces críticas no futuro e trasladando a idea de que a ciencia é complexa e só ao alcance dos expertos. Pero non é así. Non é necesario ser experto en terremotos para chegar á conclusión de que a explotación de Castor os está a producir (ver mathemas.org), e os movementos de manipulación ao redor da ciencia, para facela máis complexa e escura do que é, lémbranos a actitude dos sacerdotes exipcios ocultando a súa sabedoría para perpetuarse no poder. Hoxe en día non é posible porque todos podemos aprender case todo a través de Internet, pero con moito máis traballo, é certo.
"Non é posible que naza un Mozart nunha sociedade que non aprecie, valore e entenda a música. Pasa o mesmo coa ciencia"
En canto a mellorar a formación científica da sociedade dende o ensino primario e secundario hai que dicir que é fundamental, porque é a base sobre a que se sustentará  todo o coñecemento posterior pero, ademais, é fundamental ter a visión de ciencia para todos superando o tópico de ciencia para uns elixidos, unha visión de ciencia práctica, accesible, que se pode realizar, de coñecementos que serven e valen para saber facer, en suma, un enfoque para promover persoas competentes. O problema fundamental nas probas PISA é ese: se ensinas partindo do presuposto de que só uns poucos chegan a comprender a ciencia, chegarás a conseguir que só uns poucos a comprendan. Os resultados son un corolario dos postulados. Ademais hai unha compoñente esencial, non se pode conseguir unha sociedade con expoñentes sobresaíntes en ciencia se esta non é valorada, apreciada e coñecida por unha grande parte da sociedade. Non é posible que naza un Mozart nunha sociedade que non aprecie, valore e entenda a música. Pasa o mesmo coa ciencia.
"Fronte a uns estereotipos negativos cómpre producir outros estereotipos positivos: resaltando o papel da muller na ciencia e dándolle oportunidades"
Nas aulas de secundaria percibides unha fenda de xénero no interese pola ciencia? Como se pode mellorar o acceso das mulleres aos estudos e profesións científico-técnicas?
Pois é algo semellante ao que dixemos: os estereotipos de muller que empezan xa desde bebés, asignando unha cor en vez de outra dan por resultado que son profecías que se cumpren a si mesmas. Polo que fronte a uns estereotipos negativos cómpre producir outros estereotipos positivos: resaltando o papel da muller na ciencia e dándolle oportunidades.
Como se informa sobre ciencia nos medios de comunicación galegos? Como se podería mellorar a divulgación?
Penso que a prensa ten certa preocupación de falar das escolas, ou de ciencia na escola, pero sobre os institutos e a Universidade apenas hai presenza. Quizais a única excepción sexa Codigo Cero. En canto a mellorar a divulgación, habería que comezar por asignarlle un espazo fixo nos medios; do mesmo xeito, cumpriría converter algún dos múltiples museos galegos en museos de ciencia, ou aínda mellor, cada museo galego debería ter o seu espazo da ciencia, de xogos matemáticos, de xeoloxía, de fauna e flora do zona. E mellor aínda se estes espazos están contextualizados: xogos matemáticos castrexos, medievais, as fragas do Eume, como repercutiron as glaciacións na poboación de Galicia, e do arco atlántico, etc. A existencia dun centro específico para elaborar e dotar ese material podería ser interesante.
"Con esa medida queren transmitir a idea de que o galego é unha lingua de labregos, obreiros e poetas, pero non burguesa, de xente acomodada"
Facer que as carreiras científicas tivesen unha materia de divulgación da súa área podería, tamén, mellorar os resultados. En xeral temos un problema para entender que a pedagoxía da cruz -ti presentas unha cruz e os infieis convértense automaticamente- non funciona. Terás que coñecer os motivos que moven as persoas a prestar atención, como paso previo a análise das razóns que se lles presentan, negociar con eles un “contrato didáctico”, ademais de coñecer o tema. Os franceses falan de enxeñería didáctica, indicando que hai procesos e técnicas de aprendizaxe que hai que coñecer e utilizar para que se constrúa coñecemento. A maioría das veces só utilizamos o medo, ou te convertes ou te suspendo.
Por que molesta ou preocupa que se poidan impartir materias científicas ou matemáticas en galego?
A min paréceme unha arbitrariedade da mesma orde que se decidisen que as matemáticas se dan exclusivamente ás nove da mañá. Unhas regras xerais que falan de materias específicas son, cando menos, pouco kantianas, e si terceiromundistas. Semella que consideran que hai unhas materias nobres -fálanse en A- e outras menos nobres, ou “folclóricas” -en B-. Pero contestando á pregunta, penso que non lle molesta ou preocupa a ninguén, que o único que queren facer é transmitir con esa medida a idea de que o galego é unha lingua de labregos, obreiros e poetas, pero non burguesa, de xente acomodada. Unha lingua da que hai que mudar se un quere prosperar, unha lingua B. Foi un experimento que ían exportar a Cataluña cos resultados que todos coñecemos.
"É na ciencia e tecnoloxía onde  se produce a maior introdución de ideas e nova terminoloxía. Cómpre incorporalas á cultura galega para que non se fosilice e medre. Cultura galega, pese a quen pese"
En fin, nós estamos orgullosos de facer e transmitir ciencia en galego, primeiro por promover a ciencia, segundo por facelo desde o cotián e a proximidade, e terceiro porque estamos a reivindicar a ciencia non só como cultura, senón como un dos aspectos máis decisivos e determinantes da propia cultura actual e futura. É na ciencia e tecnoloxía onde  se produce a maior introdución de ideas e nova terminoloxía. Cómpre incorporalas á cultura galega para que non se fosilice e medre. Cultura galega, pese a quen pese.
"Hai que vencer o prexuízo de que os programas de software libre son peores que os propietarios. Co paso do tempo os programas estándares en moitos campos son software libre"
Como valoras a utilización que se fai das ferramentas de software libre nas aulas galegas? Que destacarías do Congreso que organizades en xullo?
Hai que dicir que hai dous puntos de vista sobre o software libre: o de free - gratis, que é o que pode preocupar a algunha administración, (sae máis barata) e de free -coñecemento libre. Para min o máis importante no ensino é esta segunda opción, xa que co software libre pódese aprender máis, os rapaces teñen moitos exemplos onde aprender e non hai ocultación. Por outra banda hai que vencer o prexuízo de que os programas de software libre son peores que os propietarios. Co paso do tempo os programas estándares en moitos campos son software libre, Geogebra, R, Processing, Arduino, son programas ou hardware que non teñen competencia ningunha. En canto a como se utiliza, considero que Moodle e Drupal están perfectamente asentados no nosos centros e que o uso dos equipos Abalar presentan moitos inconvenientes, como son que a tecnoloxía avanza a pasos axigantados e o que pode ser interesante nun momento determinado un ano máis tarde é obsoleto. Hoxe seguramente apostariamos por tablets (en xeral, canto máis fácil de usar, máis se usará). Tampouco podemos obviar que non só o software libre, senón toda a tecnoloxía, implica un certo esforzo para o profesorado nun campo no que non só teñen que aprender e mellorar senón que, en moitos casos, obriga a cambiar o enfoque do ensino. Esa é a razón que nos leva a facer un congreso sobre ese tema.
"Non só o software libre, senón toda a tecnoloxía, implica un certo esforzo para o profesorado nun campo no que non só teñen que aprender e mellorar senón que, en moitos casos, obriga a cambiar o enfoque do ensino"
Neste congreso destacamos o que quizais non estea tan visible: a interdisciplinariedade, a utilización en diversas materias de recursos e programas que, en principio, semellan exclusivos dunha materia. Por exemplo, falando de Arduino, vaise tratar Arduino na arte e na música e mesmo o relator é un artista, non un tecnólogo, Arduino para medir experimentos físicos e químicos, Arduino na Matemática das gráficas de representación deses experimentos, e naturalmente Arduino na electrónica, na programación ou na domótica. Así un coñecemento que en principio semella exclusivo de tecnoloxía, convértese en centro dun mundo que si lle interesa ao noso alumnado, aos nosos rapaces. Promovemos ademais este punto de vista a través dun concurso, sensores, que se fallará no día da ciencia en galego 2014. Ademais diso, o que busque os temas mais tradicionais das TIC no ensino tamén o atoparán: youtube, exelearning, cursos de R, etc
Como é a reacción dos rapaces e rapazas que participan no concurso de robótica? Con que impresión rematan o proceso?
A verdade é que sorprende de ano en ano a adición e adicción de todo o alumnado a ese concurso, polo que de feito non puidemos acoller a todos os centros solicitantes. Eu penso que o seu éxito baséase en que é un concurso de robótica para todos: a organización é a facilitadora da aprendizaxe deles máis que xuíz "celeste". É un concurso no que se aprende. Concursan e os que saben máis ou tomaron mellor as notas, gañan, pero todos entenden que o seu obxectivo é aprender e que cada pinga de aprendizaxe aumenta a súa bagaxe. Que os alumnos escollan Tecnoloxía de 1º de Bacharelato para que a profesora os volva a levar ao concurso indica o seu impacto.
"É un concurso de robótica para todos: a organización é a facilitadora da aprendizaxe deles máis que xuíz celeste. É un concurso no que se aprende"
Realmente a Robótica é unha das ferramentas estrelas da estratexia STEM de interesar e facer máis accesible a todos a Ciencia, a Tecnoloxía, a Enxeñería e as Matemáticas. Como o seu nome indica, a tendencia é a un ensino interdisciplinar en que unhas ferramentas tiren por outras: se a roda do robot ten de diámetro d, que valor de xiro tes que poñer se... son problemas que nin notan que llos poñemos no medio do concurso. Pero están facendo matemáticas, ademais, aprenden a programar e, sobre todo, asómbranse de que os seus sinxelos programas son ordes para un trebello mecánico.
"O descubrimento de novas tecnoloxías como a fotografía fai que o concepto de pintura cambie. Que tipo de arte mutante vai crear a nanotecnoloxía?"
A ciencia tamén pode ser arte, verdade?
Ben, teñen unha vida moi entrelazada. Desde logo a arte é moi dependente da tecnoloxía con que se fai, xa falemos das impresoras 3d, facer banda deseñada con programas ou sen eles, ou da música. O descubrimento de novas tecnoloxías como a fotografía fai que o concepto de pintura cambie. Que tipo de arte mutante vai crear a nanotecnoloxía?... Pero, contestando á pregunta, a perspectiva, os modelos matemáticos das universidades de principios do século XX que foron vistos como obxectos artísticos; a química dos pigmentos, as xeometrías non euclídeas plasmadas por Escher, ata a impronta da cuarta dimensión no cubismo, os fractais ou as novelas de misterio científicos son ciencia e arte. Na exposición Arte e Ciencia que poñeremos no MUPEGA en novembro 2014 poderanse ver algunhas desas relacións de arte e ciencia como a fórmula dun artesonado da casa de contratación en Sevilla, o fullereno e Leonardo da Vinci, a ciencia na arte castrexa galega e moitas outras.
Cres que os investigadores son quen de comunicar axeitadamente a importancia do seu traballo?
Non, e ese é un defecto na formación científica que debería mellorarse e inflúe na capacidade  para a divulgación.
"A desculpa son os recortes, pero máis recortes ten Portugal e non recortaron en I+D. No futuro haberá que partir de cero, volvendo ao 2010, volvendo a empezar. Mentres, unha xeración perdida"
Que consecuencias están a ter os recortes en I+D en Galicia? Que consecuencias terán no futuro? En que áreas están afectando máis negativamente?
A desculpa son os recortes, pero máis recortes ten Portugal e non recortaron en I+D. As consecuencias son claras, emigración e diáspora de elites científicas galegas, a non existencia de empresas emerxentes galegas baseadas na ciencia e na tecnoloxía e mantemento do status quo. No futuro haberá que partir de cero, volvendo ao 2010, volvendo a empezar. Mentres, unha xeración perdida. As áreas nas que incide máis son as que estaban mellor encamiñadas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario