mércores, 17 de abril de 2013

CIG ensino: 1.500 asembleas contra a LOMCE para preparar a folga do 9-M

As plataformas en defensa do ensino público convocan unha xornada de loita para o vindeiro 9 de maio contra os recortes en educación e a LOMCE. A data fará confluír a estudantes, profesorado e familias. 

Após os peches reivindicativos  que a Plataforma galega en defensa do ensino público está a desenvolver por todo o país, sindicatos, organizacións estudantís e ANPAS convocan unha xornada de loita contra a reforma educativa impulsada polo Goberno español. O obxectivo da folga será procurar a non aprobación da LOMCE por se tratar dunha lei "lesiva e nociva" para o ensino público galego, advertiu en comparecencia de imprensa o secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao.
Desde a central sindical veñen denunciando "os perigos da súa aprobación" desde a presentación do anteproxecto de lei. Neste senso desenvolveron máis de 1.500 asemblea nos centros de ensino e vén participando activamente das accións convocadas pola Plataforma galega en defensa do ensino público. Neste senso, Louzao congratulouse de que a xornada de loita teña carácter estatal e asegurou que desde a central nacionalista farán "todo o posíbel por para que a folga sexa "todo un éxito" na Galiza e contribúa, indicou, "a frear a súa aprobación".
Para @s nacionalistas, a norma presentada polo ministro de educación José Ignacio Wert "está ao servizo da patronal" e retrotrae o ensino "aos postulados do franquismo" e aos preceptos defendidos desde "a Conferencia Episcopal", denunciou ao outorgarlle "rango de lei aos concertos que segregan por razón de xénero".
A inacción do Goberno galego
Desde a CIG-Ensino denuncian "a actitude do conselleiro de Educación" perante o que consideran un "expolio de competencias". Así pois, aseguran que Jesús Vázquez négase a abrir o debate e amosar un posicionamento contrario á LOMCE malia "a opinión da comunidade educativa", actuando, din "como un militante disciplinado do PP" en troca dun representante dos intereses da Galiza. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario