xoves, 18 de abril de 2013

A CIG tamén convoca folga no ensino o 9 de maio

Haberá unidade. A CIG tamén convoca folga no ensino o 9 de maio e a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público adoptará probablemente a mesma decisión nunha xuntanza que terá lugar esta tarde, polo que a convocatoria que a pasada semana anunciaban CC.OO., UGT e a Plataforma en Defensa do Ensino Público contará co apoio de todos os sindicatos de profesorado e estudantado de Galicia e das asociacións de nais e pais. 
Louzao denunciou tamén a xestión de Jesús Vázquez á fronte de Educación, "un conselleiro que actúa como un militante disciplinado do PP e como un alumno aplicado das súas políticas", dixo
Anxo Louzao, secretario nacional de CIG-Ensino, salientou a necesidade de que haxa un "total e rotundo éxito" da folga en contra do anteproxecto de Lei Orgánica de Mellora da Calidade Educativa e sinalou que o sindicato vén realizando unha actividade moi intensa de información e mobilización contra a LOMCE, con asembleas e peches por toda Galicia e coa recollida de máis de dez mil sinaturas. Lembrou que xa en decembro a CIG "deixou claro que ou ben se retiraba este anteproxecto de lei ou non habería máis remedio que convocar unha folga". Louzao denunciou tamén a xestión de Jesús Vázquez á fronte de Educación, "un conselleiro que actúa como un militante disciplinado do PP e como un alumno aplicado das súas políticas", dixo.
O proxecto do ministro Wert está "impregnado dunha visión ideolóxica neoliberal e tamén españolista que invade as competencias da nosa autonomía e que chama á insubmisión ao ensino na nosa lingua"
Louzao enumerou as moitas razóns que levan o sindicato a posicionarse en contra do proxecto do ministro Wert, "impregnado dunha visión ideolóxica neoliberal e tamén españolista que invade as competencias da nosa autonomía e que chama á insubmisión ao ensino na nosa lingua". Un proxecto de lei, ademais, "completamente confesional, que reforza a materia de Relixión e que recolle a visión ideolóxica da Conferencia Episcopal" e que tamén "está ao servizo da patronal do ensino privado-concertado, pois traslada a súa mercantilista do ensino chegando a dar rango de lei a aqueles centros que segregan o alumnado por cuestión de xénero". 
Para Louzao, a norma "liquida a xa cativa dirección democrática dos centros e reforza o elitismo, camiñando cara un ensino selectivo e segregador que suprime a igualdade de oportunidades e fai do sistema educativo unha cuestión competitiva". Finalmente, denuncia que as reválidas que prevé ao final de cada ciclo "van facer que o alumnado se xogue todo a unha carta" e supoñen "unha desconsideración do traballo do profesorado" e "afianzan a centralización, pois os obxectivos e deseño destas reválidas tamén van ser realizadas pola administración central".

O 9 de maio "non é a mellor data" pero "temos que confluír"

"Ten que haber un total e rotundo éxito en contra deste proxecto de lei"
Louzao referiuse á convocatoria anunciada a pasada semana por CC.OO., UGT e a Plataforma en Defensa do Ensino Público. Afirmou que a CIG se "congratula" de que "a nivel do Estado se decidira convocar unha folga". Pero criticou que "se evidencia a visión centralista das organizacións que convocan a folga" porque "non contan coa organización maioritaria no ámbito do ensino en Galicia" e tamén "porque o dia 9 é festivo en Santiago". "Seguro que non se lles ocorrería convocar unha folga un dia que fose festivo en Madrid", engadiu. Porén, salientou que "temos que confluír no mesmo dia, porque o obxectivo é evidenciar que estamos en contra dun proxecto de lei perverso e nocivo como nunca houbo. Ten que haber un total e rotundo éxito en contra deste proxecto de lei".

Os Comités tamén convocan folga para 9 de maio

“O vindeiro 9 de maio teremos unha nova oportunidade para rexeitar masivamente este golpe de estado no ensino coñecido como a LOMCE e os recortes no ensino do PP” resaltou Daniel Candal
Os Comités tamén anunciaron este martes a convocatoria de folga para o 9 de maio, tanto no ensino medio coma no universitario, baixo o lema Na defensa do ensino público, nin un paso atrás. Non á LOMCE. Os Comités rexeitan o que consideran "unha auténtica contrarreforma educativa do Partido Popular". “A mal chamada Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa) só é a plasmación do modelo máis sectario do PP no ensino, pretenden debilitalo ao máximo para ser menos público, menos democrático, menos galego e cunha menor calidade” indicou o voceiro desta organización estudantil nacionalista.
“O vindeiro 9 de maio teremos unha nova oportunidade para rexeitar masivamente este golpe de estado no ensino coñecido como a LOMCE e os recortes no ensino do PP” resaltou Daniel Candal tras valorar positivamente que esta xornada sexa respaldada tamén por convocatorias do conxunto da comunidade educativa galega.

Ningún comentario:

Publicar un comentario