mércores, 17 de abril de 2013

Política Lingüística desdeña as críticas da UE á protección do galego

O pasado outubro os expertos do Consello de Europa que avalían o cumprimento da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias nos Estados que a subscribiron lanzábanlle unha dura reprimenda á Xunta. Mentres que consideraban "exemplar" a protección institucional do catalán e do éuscaro nos seus respectivos territorios, os expertos comunitarios cargaban con contundencia contra a política lingüística da Xunta, a comezar pola "redución progresiva do ensino en galego en todos os niveis e da súa estrutura de apoio", pero tamén noutros ámbitos como os medios de comunicación. Este martes o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, comparecía no Parlamento para expoñer as liñas de acción do seu departamento e a oposición contrapuxo o seu optimismo co informe da UE. Para García este documento carece de valor, entre outras razóns, porque está "feito en Madrid".
"Tremendo informe, tremenda a importancia dese informe", retrucoulle o alto cargo de Educación á oposición en xeral e, particularmente, á nacionalista Ana Pontón. Para García o feito de que as entrevistas con diversas asociacións e colectivos vinculados á lingua galega se celebrasen "en Madrid" fan dubidar do seu resultado. "Temos moito que discutir del e imos contar moitas máis cousas" do seu contido porque "aquí non viñeron", afirma, nun contexto no que obvia, non obstante, que os expertos europeos amosaron o seu malestar pola escasa colaboración do Goberno galego. "Eu voulle traer outros informes" e "voulle dicir como está a situación sociolingüística nalgúns lugares dos que veñen eses expertos", enfatizou, entre xestos de incredulidade dos deputados opositores.
A crítica ao informe europeo non foi a única lanzada por Valentín García. Tamén reservou dardos dialécticos para un colectivo xeograficamente máis próximo, Prolingua. Despois de que a propia Pontón criticase o funcionamento da Rede de Dinamización Lingüística apoiándose nun artigo do profesor Cibrán Arxibai difundido por esta plataforma o secretario xeral apresurouse en preguntarse "que criterio de autoridade ten" o autor, dado que é "profesor de matemáticas nun instituto de Silleda" e non sociolingüística e nin sequera "profe de galego". "Se empezamos a vir aquí con artigos escritos en blogs -di, en referencia á web de Prolingua- eu podo traer cincocentos", mantén.
O secretario xeral minusvalora as críticas de Prolingua: "Se empezamos a vir con artigos escritos en blogs eu podo traer cincocentos"
"Non perda os papeis e non se crispe", recomendoulle Pontón, quen censura que García "se atreva a vir descualificar a opinión das persoas que teñen unha preocupación pola situación do idioma". "Non están contando mentiras, están describindo os problemas de funcionamento da política lingüística", di. Neses problemas abondou tamén o socialista Francisco Caamaño, quen lamenta que o secretario xeral centre o seu discurso fóra dos ámbitos de "responsabilidade institucional". Cun orzamento de Política Lingüística reducido a niveis "ridículos" Caamaño lamenta que García acudise ao Parlamento para facer un relatorio das actividades do seu departamento, tales como a difusión dos debuxos animados d'Os Bolechas. "É unha política lingüística de feira, sen ningún tipo de contido; porque, que pasa coa lingua na administración, na escola, nas editoras, no audiovisual, nos medios de comunicación, no sistema de saúde...?", exemplificou.
Pola banda da AGE o seu voceiro, Ramón Vázquez, contrastou datos sociolingüísticos de fontes como o informe da UE, pero tamén do Observatorio da Cultura Galega, para lamentar que o Goberno galego teime na aplicación do denominado "bilingüismo harmónico", un "concepto que pariron vostedes" sen sustento científico, lamenta. "Pretenden descubrir a pólvora" pero "en materia sociolingüística hai estudos dabondo" que, di, acreditan que "non hai un só país no que se falen dúas linguas en igualdade". "En Galicia a lingua de prestixio é o castelán, iso é unha evidencia" que o Goberno galego debera colaborar para reverter, advirte.

Ningún comentario:

Publicar un comentario