luns, 29 de abril de 2013

3.000 barcos de papel van xa río abaixo polo Miño en defensa do ensino público e do rural

Unha iniciativa argallada por nais, pais, profesorado e escolares de todo o País polo mantemento das escolas rurais e que se fixo pública a través das redes sociais logra repercusión en Catalunya, Euskal Herría, Franza, México ou Finlandia.

 Con fragmentos do Poema pedagóxico de Makarenko construíu Pedro Seoane, de San Sadurniño, o barco que enviou desde a emigración, en Murcia, para que navegase canda outros 2.999 polas augas do río Miño, reivindicando unha educación pública e de calidade na Galiza e, nomeadamente, no rural. Victoria Romero e Carla Nóvoa, veciñas de Cee, enviaron máis dun milleiro de barquiños pequenos colocados sobre a maqueta dun centro de ensino.
A iniciativa está inspirada nun conto xaponés que concede un desexo a quen o pida confeccionando mil grullas con papel e que serve para reivindicar a paz todos os 6 de agosto desde 1999, recordando que o mesmo día en 1945 lanzaron a primeira bomba atómica sobre a cidade de Hiroshima. A variante que se desenvolveu na Galiza partiu do maxín da educadora social Palmira Castro, veciña da Costa da Morte e que traballa nun colexio de Fisterra; e do concello de Castelo de Miño, gobernado por Xurxo Rodríguez (BNG), coa colaboración do CEIP do lugar e de asociacións de nais e pais de todo o País.

O que fixeron foi un chamamento a través das redes sociais a que desde distintos puntos non só da Galiza senón a nivel internacional se construísen barquiños de papel até xuntar un milleiro para os soltaren no río @s escolares. Porén, deseguida comezaron a chegar embarcacións de todos os tamaños e cores de todas partes: alén de territorios españois, tamén viñeron desde Catalunya, Euskal Herria, Italia, Franza... e mesmo México, Arxentina ou Finlandia.

A "escusa pueril" da crise

Así até que a peculiar 'flota' en defensa do ensino público na Galiza reuniu 3.000 barcos, tres veces máis das que @s impulsor@s da acción pensaban xuntar. Todos os barcos --tamén houbo quen confeccionou dornas ou piragüas-- foron á auga este domingo, cadrando coa celebración da feira mensal de artesanía de Castrelo.
"Estamos a asistir a un menosprezo da escola amparado na escusa pueril da crise", enfatizou Ramón Méndez, director dun centro educativo de Vigo mais que desenvolveu en colexios rurais boa parte da súa traxectoria profesional e que se ocupou da leitura do manifesto co que se pechou a actividade en Castrelo de Miño.

Destacou a forma de vida "diferenciada" que se dá no rural da Galiza e vinculou a supervivencia destas poboacións cunha aposta en firme polas escolas que nelas se asentan. Pola súa banda, Palmira Castro deixou claro que "non imos esquecer nunca a nosa reivindicación: unha escola pública e de calidade, que sexa tamén creativa e que poña en valor o rural".

Ningún comentario:

Publicar un comentario